As bacterias que degradan plásticos son o centro este martes 21 de novembro dunha charla do IV Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos no IES de Cotobade
Continúan os faladoiros do programa da Deputación de Pontevedra e da Real Academia Galega de Ciencias en centros educativos da man de Sabela Balboa, investigadora do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de Compostela
20/11/2023
A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias continúan este martes 21 de novembro co IV Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos nos centros educativos, cunha nova charla dirixida ao alumnado que terá lugar no IES de Cotobade e ata a que se desprazará o deputado de Xuventude, Jorge Cubela. Neste faladoiro, que terá lugar ás 16:00 horas e ao que acudirá un grupo de 25 alumnas e alumnos de cuarto da ESO, Sabela Balboa Méndez, profesora e investigadora distinguida no Centro Interdisciplinar de investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), abordará o tema das bacterias que degradan plásticos.
“Pequenas heroínas: bacterias que degradan plástico” é o título desta charla, na que Sabela Balboa lembrará que a produción anual de plásticos se estima en 367 millóns de toneladas, das que só se recicla un 15 %. A maioría remata no medio natural e, máis concretamente, no mar, onde chegan 12 millóns de toneladas anuais en forma de micro ou macroplásticos. Neste contexto, as bacterias adaptáronse a vivir nos ambientes máis extremos que se coñecen, desde a cima do Everest ata as fosas abisais mariñas ou o deserto máis cálido; así mesmo, tamén se adaptaron a vivir sobre os plásticos. Nesta charla, a investigadora da USC explicará que non só son capaces de vivir sobre eles, senón tamén de utilizalos como alimento, co que se converteron, sen querelo, nunhas posibles recicladoras de plásticos cun potencial case ilimitado.
O Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven conxuntamente a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, xurdiu como homenaxe a esta investigadora, bióloga oceanógrafa e académica que faleceu en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúe á educación e á formación en igualdade ao visibilizar grandes referentes femininas do ámbito da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñería e das matemáticas (STEAM). O programa inclúe conferencias web abertas ao público, que xa se desenvolveron entre abril e maio, e outras destinadas especificamente ao alumnado de centros educativos. O 5 de decembro realizaranse as dúas últimas: “O que esconden os datos”, no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, a cargo de Rosa María Crujeiras, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia da USC, e “Novas terapias que están revolucionando o tratamento contra o cáncer”, no IES de Ponte Caldelas, a cargo de María Dolores Mayán, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.