María Ramallo inaugura o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos no IES Illa de Tambo de Marín

11/04/2024

María Ramallo inaugura o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos

A deputada provincial e alcaldesa de Marín, María Ramallo, acaba de inaugurar o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos no IES Illa de Tambo de Marín coa conferencia “A intelixencia artificial nas nosas vidas”, a cargo da profesora de Ciencias da Computación da Universidade de Santiago de Compostela, María José Carreira. Ramallo destacou a importancia de actividades coma esta, que “permiten achegar a ciencia á sociedade” e afondar en cuestións de “máxima actualidade coma é o caso da intelixencia artificial”. De feito, na conferencia, Carreira puxo en contexto a intelixencia artificial a través de actividades nas que está presente e ninguén o sospeita, amosou aqueles casos nos que esta intelixencia está sendo clave para resolver problemas e reflexionou sobre a súa aplicación ética e responsable.

Tras esta primeira actividade no IES Illa de Tambo o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos continuará o xoves 18 de abril con dúas conferencias dirixidas á cidadanía en xeral sobre “Cribado neonatal: onde estamos e cara onde imos” a cargo de M.ª Luz Couce, directora da Unidade de Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e “VIH: situación actual, avances e retos actuais”, a cargo de Eva Póveda, científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Ambas conferencias terán lugar ás 19 horas no salón de plenos do Pazo provincial e poderán seguirse tamén en liña.

Galerias de imaxes