As charlas sobre as escavacións e a historia do convento de Santa Clara, dispoñibles a demanda na web da Deputación
Os relatorios que falaron sobre o consumo de chocolate, a posible anorexia das monxas, as tumbas, os teatriños da Inquisición, ou as balas atopadas no convento están accesibles en vídeos, presentacións e fotografías
27/12/2022
As charlas sobre as escavacións e a historia do convento de Santa Clara realizadas nas últimas semanas no convento están dispoñibles a demanda dende hoxe na páxina depo.gal. Calquera persoa que non puidese asistir, queira volver escoitalas ou consultar algunha anécdota que lle chamara a atención poderá facelo, xa que os sete relatorios que falaron sobre o chocolate, a posible anorexia das monxas, as tumbas, os teatriños da Inquisición no convento ou as balas atopadas no recinto están accesibles en diferentes formatos: vídeos, presentacións das persoas relatoras e galerías fotográficas dos actos.
Os relatorios foran organizados co gallo do aniversario da compra do recinto relixioso ao longo dos meses de novembro e decembro. Pretendían expoñer, de maneira directa da man das persoas estudosas que realizaron os traballos de arqueoloxía e documentación, os achados e resultados das escavacións realizadas no recinto relixioso para coñecer máis sobre a historia e vida das Clarisas durante os máis de 700 anos que o conxunto permaneceu pechado ao público. Este estudo, xunto aos informes xeotécnico e de patoloxías, servirá de base para o concurso de proxectos que permitirá que o convento poida ser rehabilitado e incorporado como novo edificio ao Museo de Pontevedra.
As charlas comezaran o 22 de novembro con ‘Ósos, cacharros, clausura e chocolate. Primeiros resultados da escavación en Santa Clara’, a cargo de Rafael M. Rodríguez Martínez, director do proxecto e arqueólogo provincial, e Israel Picón Platas , codirector da intervención e arqueólogo (Citania). Entón fíxose unha primeira aproximación aos resultados dos achados obtidos nos 780 metros cadrados de catas realizadas. Entre outros elementos atopáronse preto de 8.000 pezas de cerámica.
A segunda xornada estivo titulada ‘Cando as paredes falan’, e realizouna o doutor Victoriano Nodar, responsable de arqueoloxía de paramentos, que tratou sobre as diferentes construcións e muros e o momento no que foron edificadas. No terceiro relatorio, ‘Compoñendo puzzles’, Aldara Rico, responsable dos traballos de conservación e restauración dos materiais mobles localizados durante os traballos arqueolóxicos fixo un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.
A cuarta conferencia tiña o título de ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, e impartírona a doutora Olalla López e Clara Veiga, ambas antropólogas, que explicaron como se desenvolveron as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento, que achegaron información sobre o estilo de vida e a alimentación na congregación, entre outras cousas sobre a alimentación, a posible anorexia das Clarisas e outras anécdotas.
En quinto lugar chegou ‘Os papeis de Santa Clara’, do doutor Suso Vila, quen centrou a súa charla na investigación histórico artística e o baleirado documental sobre o convento. Entre outras anécdotas neste vídeo nárrase a rebelión das monxas de Santa Clara fronte aos Franciscanos da cidade pola súa ‘tiranía’ e como as monxas, co fin de manter a disciplina dentro da orde facían teatriños xogando á Inquisición replicando os autos de fe do Tribunal do Santo Oficio.
‘Conferencia de (case) clausura’ foi o sexto relatorio, a cargo do doutor Xurxo Ayán, quen abordou a historia do convento e das Clarisas nas épocas moderna e contemporánea, facendo parada singular no franquismo. O relatorio a disposición do público, entre outras anécdotas, inclúe a explicación sobre a munición e elementos de batallóns carlistas atopados dentro do recinto.
Finalmente, ‘Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’ foi a conferencia de peche a cargo das doutoras María Martín e Carmen Salinero, que fixeron un percorrido sobre a botánica dentro do recinto relixioso a raíz da análise dos carbóns atopados na finca, das madeiras existentes, e tamén das fibras naturais atopados en algunhas escavacións, pertencentes fundamentalmente aos enterramentos.