A Deputación entrega no IES do Castro de Vigo o segundo premio do concurso de relatos “Cambiemos o conto”

A presidenta Carmela Silva asistiu á actividade convocada no marco do Manifesto de Soutomaior, e que consistiu nun recitado e un obradoiro de poesía a cargo de Silvia Penas

24/04/2023

Cambiamos o conto

O alumnado de 3º da ESO B do IES do Castro de Vigo celebrou esta tarde o premio que gañou a súa compañeira de clase Sabela Vázquez Castro no marco do concurso de relatos “Cambiemos o conto”, convocado pola Deputación de Pontevedra dentro do Manifesto de Soutomaior. Ao ter acadado o segundo premio, a aula recibiu como agasallo un encontro coa escritora Silvia Penas e, ademais, a moza tamén recibiu unha tablet. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asistiu a esta actividade que recoñece “o compromiso das nosas nenas e mozas coa igualdade, con mudar o mundo para que teñamos os mesmos dereitos e esteamos presentes nos mesmos espazos”. Para participar en “Cambiemos o conto” o alumnado tivo que escoller estrofas ou versos de cancións cun marcado carácter machista, e escribir un conto de denuncia que contrastase a situación relatada con como queremos construír o mundo e coas relacións desde o feminismo.

Carmela Silva deu os parabéns a Sabela Vázquez polo seu relato, titulado “Medrosa Carolina” en referencia á canción de M Clan que leva por título ese nome de muller, e animouna “a empregar ese talento para a escrita para seguir espallando feminismo e construír un mundo mellor” porque o seu relato “é unha altísima calidade literaria”. A presidenta provincial lembrou que “adoitamos poñer o foco en xéneros musicais como o reguetón, pero o certo é que o machismo tamén está presente nas letras das cancións de todos os xéneros musicais, como o pop ou o rock, e de todas as épocas”, polo que “todas e todos nós, teñamos a idade que teñamos, medramos escoitando estas mensaxes que quedaron no noso subconsciente, moitas veces sen decatarnos do que nos estaban contando en realidade, e que axudaron a perpetuar o androcentrismo e o machismo como a visión do mundo predominante”, asegurou.

A presidenta da Deputación avogou pola educación como “o lugar onde se constrúen as mentes do futuro” e, polo tanto, “o lugar onde temos que facer que estas mozas e mozos sexan conscientes das desigualdades que sufrimos para cambiar o chip e conseguir erradicar o machismo da sociedade, e que non se cumpra esa máxima que di que, con cada crise, o primeiro que retrocede son os nosos dereitos”. Por iso, Carmela Silva agradeceu o profesorado “polo seu gran compromiso coa igualdade e por fomentar o espírito crítico e creativo destas mozas e mozos”. A presidenta provincial desexou que “agora, cada vez que escoitedes unha canción que vos guste, poidades identificar esas mensaxes claramente machistas e os vosos principios vos digan que non podedes seguir escoitándoa e optedes por outro tipo de cancións, que ademais serán moito mellores porque non axudarán a que se exerza violencia contra nós por ser mulleres”.

A actividade coa escritora Silvia Penas, que ademais é unha das asinantes orixinais do Manifesto de Soutomaior, consistiu nun recitado poético seguido dun obradoiro de poesía para toda a aula de 3º da ESO B do IES do Castro de Vigo. O relato “Medrosa Carolina” presentado por Sabela Vázquez Castro aborda a historia do maltrato que sofre a adolescente Carolina da man do seu mozo, narrada en primeira persoa por un protagonista singular: o seu medo. O medo que lle fai estar alerta e por fin reaccionar ante o último episodio de violencia machista do seu mozo, fuxindo da súa casa e chamando o 016.  Así, mentres baila con el a canción de M Clan, como lle pide o mozo para reconciliarse, ao soar o verso ‘o al final te tendré que comer’ a protagonista sofre un novo intento de agresión, que é o que lle fai reaccionar. A historia conclúe co medo saíndo por fin da mente de Carolina, “porque xa non debía estar aí”. “Un medo que axudou a Caro e que axudará a moitas máis. Un medo bo. Un medo necesario”.

O Manifesto de Soutomaior é unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra para unir a reivindicación das escritoras, editoras, xestoras e de todas as mulleres da literatura en Galicia para reclamar a igualdade na escrita. Estes últimos meses a institución provincial presentou accións no marco deste documento como o libro ‘Ti non sabes o que é ser escritora’, escrito polas asinantes e ilustrado por mulleres aliadas, ou os premios literarios ‘Hai unha voz’ (cuxas bases foron publicadas hoxe no BOPPO). Ademais, o Manifesto tamén está a traballar nun concurso de composición musical para musicar a obra de poetas galegas e na creación dun observatorio sobre a situación das mulleres na literatura e dunha biblioteca dixital de mulleres da escrita.

Galerias de imagenes

videos