Esgotadas as prazas para as últimas rutas de “Bosques Terapéuticos”

Os percorridos previstos para o vindeiro mes de setembro completaron o seu aforo, ao igual que sucedeu nas rutas dos meses anteriores

24/08/2022

Novo cheo de solicitudes para as rutas de “Bosques Terapéuticos” que ofrece a Deputación de Pontevedra para o mes de setembro. As 200 prazas dispoñibles para os oito percorridos ofertados, quedaron esgotadas en cuestión de horas con centos de persoas na lista de agarda. O programa dos baños de bosque, no que a Deputación de Pontevedra foi pioneira, vén revalidando así a súa excepcional acollida ano tras ano, aínda que é neste 2022 cando o maior número de peticións se está a recibir. A Deputación decidiu dobrar as prazas previstas inicialmente en cada un dos percorridos, debido á altísima demanda desta actividade.

As rutas de setembro comezarán o sábado, día 3, polos Salóns do Lérez (Pontevedra) e continuarán ao día seguinte pola Ruta de Pedra e da Auga en Meis. O día 10, os baños de bosques pasarán pola Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade) e a primeira data para o río Eifonso, espazo natural de Bembrive (Vigo) será o domingo 11 de setembro. A quenda da Illa de Tambo (Poio) chegará o día 17, mentres que o domingo 18, a ruta transcorrerá nos paraxes do Carreirón (A Illa de Arousa). O sábado 24 a actividade terá lugar pola ponte colgante do Lérez, nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, para concluír o domingo 25 na segunda data da ruta no río Eifonso.

Os “Bosques Terapéuticos” constitúen unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 15 resultados.