A deputada Provincial en funcións Ana Laura Iglesias dá a benvida ás e aos menores de Ucraína que están a participar no campamento de verán en Príncipe Felipe

Sete rapazas e tres rapaces procedentes da cidade ucraína de Pervomaiske, moi próxima á zona de conflicto, comezaron xa o campamento de verán no Centro Príncipe Felipe da Deputación, no que ao longo dos vindeiros días realizarán diversas actividades de ocio e de coñecemento da cultura e do territorio.

04/07/2023

Benvida ás e aos menores de Ucraína que están a participar no campamento de verán en Príncipe Felipe

A deputada provincial en funcións Ana Laura Iglesias vén de darlles a benvida ás e aos menores que estarán en Pontevedra todo o mes de xullo para tomar parte nesta experiencia nunha contorna segura na que poderán descansar, compartir momentos de ocio e adquirir novos coñecementos. Para o mes de agosto está previsto que se celebre un segundo campamento nas instalacións provinciais.

O grupo vén acompañado dun adulto experto en traballo social e está a residir nun espazo dentro do Centro Príncipe Felipe preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional. Contan con servizo médico, atención psicolóxica e un servizo de tradución e prevese que neste mes de estancia poidan coñecer a cultura e o territorio da provincia de Pontevedra. Deste xeito, o programa de actividades de tempo libre que desenvolverán potenciará valores universais como a convivencia, o coidado do medio ambiente e a igualdade, e tamén  o coñecemento lingüístico. Entre esas actividades figuran saídas a contornas como A Lanzada, Lapamán, Cabo Home, Combarro ou as cidades de Vigo e Santiago de Compostela, amais da participación noutras iniciativas que desenvolverán nas propias instalacións de Príncipe Felipe, tanto de ocio como de benestar e hábitos saudables.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha este campamento tras adherirse á iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína, encabezada polo alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, e liderada en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Os campamentos teñen o obxectivo de apoiar ás nenas e nenos que están a sufrir as consecuencias da guerra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.