A Deputación adhírese á iniciativa dos campamentos de verán para nenas e nenos de Ucraína

O programa do Comité Europeo de Rexións e Cidades de Europa, intermediada pola FEMP en España, terá lugar en xullo e agosto para que nenas e nenos “poidan estar nunha contorna segura na que descansar, compartir momentos de ocio e adquirir novos coñecementos”

12/05/2023

Rolda prensa

A Deputación de Pontevedra vén de adherirse á iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína, encabezada polo alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, e liderada en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), de apoio ás nenas e nenos de Ucraína coa posta en marcha de campamentos recreativos de verán. A presidenta Carmela Silva anunciou que a institución provincial porá a disposición do Comité Europeo as instalacións do Centro Príncipe Felipe para “garantir que nenas e nenos e rapazas e rapaces, desde os 6 anos ata os 17 anos, que viven o horror da guerra poidan estar durante un mes nunha contorna segura na que descansar, compartir momentos de ocio e adquirir novos coñecementos. É unha iniciativa, dixo a presidenta á que todas as administracións teriamos que comprometernos”.

De feito, a Deputación aprobará nun Pleno extraordinario o vindeiro 19 de maio unha modificación de crédito de 90.000 € para levar a cabo este programa, que será gratuíto para as nenas e os nenos, así como as persoas coidadoras que os acompañan. Desta maneira, a institución sufragará todos os custes da súa estancia, incluídos seguros médicos, tradutores, vestimenta e as actividades que se realicen durante a mesma. As rapazas e os rapaces convivirán durante un mes no que poderán desfrutar de actividades deportivas e de ocio dentro das propias instalacións, ademais de realizar saídas culturais e de contacto coa natureza, especialmente á praia.

Ademais, a iniciativa contempla que a rapazada ucraína realice obradoiros de coñecemento lingüístico e de valores ambientais e igualdade. Disporán tamén de atención psicolóxica, “tan necesaria cando as nenas e os nenos están sufrindo as terribles consecuencias dunha guerra intolerable”, asegurou Carmela Silva, quen remarcou que “é unha obriga de toda Europa garantir que, polo menos durante un tempo, esas nenas e nenos estean nun ambiente de benestar”.

audios