A Deputación publica as bases da primeira edición dos ‘Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra’

Os novos galardóns de recoñecemento ás boas prácticas do sector entregaranse na Gala Anual de Turismo Rías Baixas

09/01/2023

Presentación premios turismo sostible

A Deputación vén de publicar no BOPPO as bases para a concesión dos I ‘Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra’, cos que a institución busca recoñecer as actuacións levadas a cabo neste eido por empresas e entidades para transformar e mellorar a oferta turística na provincia, dando resposta ás inquietudes das persoas turísticas responsables e concienciando sobre o potencial de cambio que supón un turismo sostible. A Deputación entregará os 3 premios honoríficos, sen dotación económica, durante a Gala Anual de Turismo Rías Baixas.

Cos ‘Premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra’, iniciativa incluída no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, a Deputación conciencia de que un turismo sostible é posible sensibilizando ao sector e ás persoas visitantes na necesidade de actuar de xeito responsable para que estas prácticas sirvan de modelo e exemplo a seguir. Ademais, tamén conciencia da importancia de incidir nun cambio de actitudes a prol dunha maior cohesión social e territorial. Así, con estes novos galardóns, quérese contribuír á posta en valor social e profesional das persoas e entidades galardoadas no sector turístico. Os premios nacen con intención de continuidade no tempo e co obxectivo de incorporarse a outras accións e iniciativas que se aliñen no avance da implementación de medidas concretas para mellorar e facer máis competitiva a oferta turística desde o enfoque da sostibilidade. Unicamente haberá unha categoría, na que se entregarán un 1º, un 2º e un 3º premio.

Pódense presentar aos premios todas as persoas profesionais e autónomas e entidades públicas e privadas do sector turístico que sexan titulares ou presten servizos nalgunha destas 33 categorías: axencias de viaxes, albergues, aloxamentos rurais, aluguer de vehículos e embarcacións, aparcamentos turísticos, artesanía, atraque de cruceiros e ferries, bares de cafetarías, bodegas, cámpings e áreas de auto caravanas, campos de golf e de Pitch & Putt, comercios, Convention Bureau, escolas de español para persoas estranxeiras, espazos para turismo de reunións, espazos protexidos, experiencias e talleres turísticos, guías de turismo, hoteis e apartamentos turísticos, museos e centros de interese turístico visitables, oficinas de información turística, OPC, parques de ocio, praias, portos deportivos, restaurantes e empresas turísticas de catering, seguridade cidadá, taxis, transporte turístico, turismo activo, turismo de benestar, turismo industrial e vivendas de uso turístico. Valoraranse proxectos ou prácticas prestadas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 31 de outubro de 2022.

Valorarase a posta en marcha de accións relacionadas coa economía circular mobilidade sostible, a aliñación cos ODS, o carácter innovador da entidade, as melloras obtidas e a súa cuantificación, formación na materia, accións de comunicación para o fomento do turismo sostible e responsable, a colaboración e participación en actividades e proxectos a nivel local, provincial ou autonómico, o emprego e fomento de recursos locais na oferta de produtos e servizos, os sistema de aforro ou mellora eficiente da entidade, así como dispoñer de certificados ou distintivos en vigor.

As entidades teñen un prazo de 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica. Outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.