O investimento de 102,5 millóns de euros da Deputación transformou o Deza, Tabeirós e Terra de Montes “como hai 8 anos era imposible soñar”

“Hoxe son outras comarcas porque nótase moito a man dunha Deputación que traballa sempre acompañada dos alcaldes e alcaldesas, goberne quen goberne”

07/03/2023

O investimento de 102,5 millóns de euros da Deputación transformou o Deza, Tabeirós e Terra de Montes

A Deputación alcanza un investimento acumulado de 102,5 millóns de euros nos oito concellos  do Deza, Tabeirós e Terra de Montes. A presidenta, CarmelaSilva, compareceu hoxe nun almorzo informativo en Silleda para facer o último dos seus balances de xestión e dación de contas destes últimos dous mandatos por comarcas. Un período de case oito anos que no caso do Deza, Tabeirós e Terra de Montes resúmese nun total de 519 obras, na celebración de case 2.247 actividades socioculturais e deportivas e na xeración de 1.204 postos de traballo vinculados aos servizos municipais para persoas desempregadas nos concellos de Silleda, Lalín, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada, Dozón, A Estrada e Forcarei.

“A verborrea dos políticos e políticas non vale, o que vale son os datos”, afirmou Carmela Silva para destacar o “modelo democrático e de atención a tódolos concellos por igual da Deputación”.  “O Deza, Tabeirós e Terra de Montes hoxe son outras comarcas porque nótase moito a man dunha Deputación que traballa sempre acompañada dos alcaldes e alcaldesas, goberne quen goberne, e aínda que haxa algúns e algunhas que colaboran máis que outros/as”. “Con humildade debo dicir que hai oito anos era imposible soñar unha transformación así”, remachou, para insistir na importancia de investir no interior da provincia como fórmula para reverter a perda de poboación no rural e dotar de servizos a unha poboación especialmente avellentada.

A aposta da Deputación polo impulso a estes oito concellos traduciuse nun 69% máis de recursos que os que chegaban á comarca durante o anterior período de goberno do Partido Popular á fronte da institución provincial, “que se di moi rápido”, destacou Carmela Silva. Así, nestes dous últimos mandatos, Silleda recibiu 15,1 millóns de euros millóns de euros; Lalín, 20,4 millóns de euros; Vila de Cruces, 8,9 millóns de euros; Rodeiro, 8,2 millóns de euros; Agolada, 7,2 millóns de euros; Dozón, 5,6 millóns de euros; A Estrada, 19,7 millóns de euros, e Forcarei, 8,2 millóns de euros. A presidenta destacou que trátase de “recursos todos eles repartidos con criterios obxectivos, mentres antes, co PP no Goberno provincial investíase nos concellos do PP, pero non en todos, senón só nos concellos “amigos”.

Carmela Silva denunciou que a Xunta de Galicia maltrata ao territorio do Deza, Tabeirós e Terra de Montes, o que xa provocou a queixa pública dende as alcaldías de Silleda, Agolada, Vila de Cruces e Forcarei á vista dos Orzamentos galegos para 2023 “que dedican o 100% dos investimentos a concellos do PP e o 99% para Lalín e A Estrada”. Engadiu que, non obstante, a Xunta “ten mala sorte, porque atopouse cunha Deputación que inviste moito” e dá oportunidades de facer “grandes transformacións como a que se fixo aquí, en Silleda”. Deste xeito acusou ao Goberno galego de obviar a existencia de Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada, Dozón e Forcarei. “A veciñanza nestes concellos non ten dereitos?”, preguntouse. “Que ten que dicir o delegado da Xunta que foi alcalde de Rodeiro?”, subliñou.

O impacto do Plan Concellos

O Plan Concellos, cun total acumulado de máis de 52,3 millóns de euros, foi “o motor do cambio” nestes concellos, achegando un torrente de financiamento estable que se traduciu na execución de 323 obras que, ademais, os concellos puideron planificar con antelación.  En Silleda executáronse 21 obras (máis de 6,1 millóns de euros) como o acondicionamento da rúa Lourás, a reforma do campo de fútbol de Silleda, o acondicionamento do parque das Pedrosas ou a nova rede de calor con biomasa, un proxecto pioneiro en Galicia. Nestes intres estase tramitando un novo plan de asfaltados rurais por valor de 1.248.133 euros. En Lalín saíron adiante 78 obras (case 12,5 millóns de euros) para rehabilitar a Ronda Norte, reformar a praza da Vila e o campo de fútbol de Vilatuxe ou a pavimentación de vías como as de Alperiz, Goias, Mandriñán e outras moitas. Nestes intres tramítase a pavimentación de camiños rurais por valor de 1.083.663 euros. En Vila de Cruces foron 33 obras (case 5,3 millóns de euros do Plan Concellos) para construír unha pista de pádel, mellorar o pavillón de deportes, renovar o alumeado público ou mellorar o pavimento dos camiños rurais. O plan de asfaltados rurais agora mesmo en marcha está valorado noutros 181.817 euros. En Rodeiro executáronse 33 obras (case 4,2 millóns de euros) que permitiron o avance nas obras da construción do edificio polivalente, a urbanización da praza de Oseira ou a mellora de camiños de Asperelo, Camba, Carboentes, Pedroso e Portela. O Concello está tramitando agora a pavimentación de camiños en Guillar, Riobó, Camba, Negrelos e Santa Baia de Camba por 333.062 euros e a mellora do camiño de Salto e Vilela: 51.814 euros. En Agolada xa son realidade 35 obras (máis de 4,1 millóns de euros) que financiaron unha vintena de melloras en camiños municipais, a impermeabilización das piscinas municipais ou a adquisición dun camión para a brigada de vías e obras. Está en trámite o expediente para as obras de mellora dos camiños de Val e Agra (83.600 euros) e dos camiños de A Lagoa (41.750 euros). En Dozón foron 49 obras (máis de 2,9 millóns de euros) para construír un depósito de auga e canalizacións, mellorar a Casa do Concello e a súa contorna, así como unha vintena de pavimentacións de  camiños. Nestes intres avanza a construción dunha nave para o viveiro de empresas (60.000 euros) e a renovación do formigón nos camiños de A Lagoa, Reboredo, Moi e Sanguiñedo (142.543 euros). En A Estrada realizáronse 42 obras co Plan Concellos (case 12,8 millóns de euros) nos que destacan os case 4,5 millóns de euros en pavimentacións rurais e urbanas, os tres novos espazos recreativos da Alameda e a modernización dos vehículos, contedores e sistemas de suxeición para a recollida do lixo nos que se investiron máis de 600.000 euros. Está en marcha a sinalización do rural (814.084 euros), o plan de asfaltados rural (435.238 euros) e a adquisición dunha parcela para usos múltiples (450.965 euros). Finalmente, en Forcarei, foron 32 as obras (case 4,5 millóns de euros) e que, entre outras cousas, permitiron a substitución do céspede artificial do campo de fútbol e a nova iluminación ou para a rehabilitación das vivendas públicas e o acondicionamento do local para o museo etnográfico. Nestes intres estase traballando para urbanizar  os núcleos de Guisande e Morgade, en Presqueiras (137.819 euros), mellora peonil en rúas da contorna do parque Venezuela e o Centro de Saúde en Soutelo (437.795 euros) e a mellora viaria en Valadares-A Lagoa (43.135 euros).

Os plans extraordinarios convocados pola Deputación nestes dous mandatos financiaron 13 obras emblemáticas cunha achega global de máis de case 7,4 millóns de euros, todos eles adxudicados en concorrencia competitiva. Agora mesmo, con cargo ao plan ReacPon estanse impulsando as obras da nova Casa do Concello de Silleda na antiga Casa da Cultura (713.250 euros); a construción das novas pistas de atletismo da Estrada (858.000 euros); a reforma da Casa da Xuventude para biblioteca e usos múltiples en Forcarei (413.991 euros), a ampliación do cemiterio da Romea á “fraga do Alén”, en Lalín (1.354.769 euros); a humanización da rúa Aviador Gumersindo Areán en Rodeiro (404.704 euros) e a mellora da rúa Vázquez de Vila de Cruces (596.681 euros), todas elas en execución. Xa está rematada, tamén con cargo ao Plan ReacPon, a rehabilitación integral, incluíndo dotación de ascensor, da Casa do Concello de Dozón (333.339 euros).

Ademais, con cargo aos anteriores plans extraordinarios (PICEI, Reequilibrio, DepoRemse e Ágora) executáronse outras grandes obras de equipamentos públicos. En Silleda, a mellora da seguridade viaria na contorna do Centro de Saúde e o Centro de Maiores (448.553 euros) e  a reforma do campo de fútbol de Bandeira (1.144.912 euros acumulados entre os plans PICEI e de Reequilibrio). En Forcarei saíu adiante a reforma do albergue para ximnasio (312.000 euros). En Vila de Cruces acometeuse a mellora da seguranza viaria na contorna do colexio, escola infantil e polideportivo (435.835 euros). En Rodeiro modernizouse o pavillón polideportivo e o ximnasio municipal (354.303 euros). E, finalmente, en A Estrada, humanizouse a praza da Feira e mellorouse a contorna da rúa Ulla (100.000 euros).

Carmela Silva aproveitou para recordar que a Deputación vén de aprobar outros 22 millóns de euros para o seu reparto en concorrencia competitiva dentro do novo plan provincial PON2030 e aproveitou para expresar a súa sorpresa pola actitude dun PP provincial “que non foi quen de poñerlle un só pero”.

As estradas provinciais da comarca recibiron máis de 15,2 millóns de euros cos que se realizaron 172 obras entre as de mobilidade peonil, pavimentacións, calmado de tráfico e conservación nunhas comarcas cun trazado moi extenso, que abrangue 474 Km. Destacou que ningunha Administración fai un investimento comparable pola mellora e mantemento da súa rede, a pesar de que as estradas provinciais suman 1.700 Km na provincia, que son máis que a suma das estatais e autonómicas xuntas.

Entre as 35 grandes obras de seguridade viaria para dar prioridade ás persoas que camiñan destacan as actuacións nos 22 Km do trazado da estrada que une Cachafeiro con Silleda, que acumula un investimento provincial de 1,3 millóns de euros repartidos entre os 233.53 euros da mellora integral acometida no ano 2019, a construción da nova glorieta (255.175 euros) e os 800.000 euros xa comprometidos para facer realidade a senda peonil que percorrerá a fronte urbana de Silleda.

En Lalín pavimentouse a estrada Soutolongo-Doade (171.400 euros). Na Estrada mellorouse a seguridade na estrada Callobre-Ponte Ledesma (749.919 euros) e estase a pavimentar a estrada de Couso a San Miguel de Barcala (829.033 euros). Tamén se pavimentou a Berredo-Brántega (Agolada) con 435.745 euros. En Dozón houbo pavimentacións das estradas de Castro-Dozón (221.435 euros) e Maceiras-Alvarellos (368.314 euros). En Rodeiro pavimentouse a estrada de Portela a Antas de Ulla (222.826 euros), así como, máis recentemente, a que une Rodeiro con Oseira (431.265 euros). Finalmente, en Vila de Cruces construíronse as novas beirarrúas na contorna da área recreativa da Carixa (97.710 euros) e a senda peonil na saída de Cruces en dirección a Agolada (182.032 euros). Ademais, a Deputación construíu 52 redutores físicos de velocidade e 35 pasos sobreelevados de peóns, financiou catro plans de mobilidade sostible para os concellos que o solicitaron e investiu máis de 9,5 millóns de euros en mantemento e conservación ordinarios.

A Administración provincial traballa xa noutros grandes proxectos para estas comarcas, ademais da senda de Silleda. Entre eles, o acondicionamento do treito antigo da estrada de Sabucedo (1.600 metros)  en A Estrada, onde se investirán 369.043 euros, un proxecto que vén de presentado á veciñanza. En Dozón construirase unha senda peonil nun tramo do Camiño de Santiago na estrada de Castrodozón-O Irixo (uns 200.000 euros). En Forcarei haberá senda peonil nun treito antigo da EP-7203 en Soutelo de Montes (400 metros), con outros 345.823 euros e pavimentarase a estrada de Soutelo a Ratel (361.143 euros). En Lalín trabállase no proxecto da senda peonil de Prado (323.691 euros), cuxas obras están a piques de comezar. Finalmente, en Vila de Cruces vaise pavimentar a estrada Bodaño-Merza (465.874 euros), a piques de licitarse, e a que une Portodemouros con Ponte de San Xusto, que xa ten proxecto redactado.

En canto aos fondos europeos captáronse case 1,1 millóns de euros para obras de iluminación sostible, substitución de caldeiras de calefacción de gasoil, iluminación de bens de interese cultural, mellora do punto limpo de Silleda ou proxectos de mobilidade sostible. A Deputación achegou tamén 266.909 euros directamente aos concellos durante a pandemia de Covid19 e foi a única Administración que achegou recursos para este fin.

A presidenta fixo fincapé nos investimentos do servizo provincial de Turismo nunhas comarcas “abandonadas” dende o Goberno galego. O investimento provincial nesta área alcanzou preto de 3,5 millóns. Destacou en primeiro lugar os 2.069.000 euros para desenvolver o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) que xestiona a Deputación e que se vai traducir en accións de mellora de tódolos camiños xacobeos, a dixitalización dos recursos dos mosteiros de Aciveiro e Carboeiro e tamén na creación da experiencia dixital da Rapa das Bestas, entre outras cousas. Carmela Silva cualificou como “intolerable” a desatención do Goberno galego ao mosteiro de Carboeiro, obviando as peticións do Concello de Silleda para dotalo de luz eléctrica para así poder prescindir dos equipos xeradores de electricidade. Esta demanda, xunto coa habilitación dun acceso peonil a través dunha senda, vai ser atendida pola Deputación cun investimento de 400.000 euros. “Carboeiro é maxia pura, un lugar incrible que conta a nosa historia”, resaltou.

No balance turístico pesan tamén as axudas á Festa do Cocido e á Rapa das Bestas, que se teñen triplicado nestes anos, así como o desenvolvemento de programas como Maceiras en flor. Ademais, logrouse a Q de Calidade para a oficina turística da Estrada e consolidouse o Centro de Xestión Arqueolóxica do Pazo de Liñares gracias a un investimento total de 600.000 euros. Neste eido, o recente convenio da Deputación co Incipit (CSIC) reforza o seu carácter investigador e senta as bases para as próximas prospeccións arqueolóxicas nos castros de  Montaz, Bendoiro e Garellas.

Por servizos provinciais, o departamento de Igualdade repartiu 40 subvencións e organizou máis de 400 actividades. Dende Cohesión Social repartíronse 3,3 millóns de euros para o funcionamento dos Servizos Sociais nos concellos, así como 350.800 euros en axudas ás persoas máis vulnerables e a teleasistencia de 607 persoas. Dez asociacións das comarcas recibiron 165.000 euros en achegas provinciais para programas de inserción. Dende o servizo de Emprego formouse e axudouse á inserción laboral de 213 persoas. A área de Transición ecolóxica repartiu máis de 860.000 euros en 61 subvencións ás cooperativas agrogandeiras destas comarcas, e financiou, entre outras iniciativas, o parque forestal de Fixo-Portela (Forcarei). Dende Cultura desenvolvéronse 1.454 actuacións ou iniciativas culturais como Musigal, Pontegal ou representacións teatrais. Deuse apoio ás escolas de música de Agolada, Silleda e Vila de Cruces, ademais do conservatorio de Lalín. Dende Patrimonio, Memoria Democrática e Lingua financiáronse as obras na capela de Moneixas (Lalín) ou a mellora da fonte da Virxe en Chapa (Silleda). Deportes achegou preto dun millón de euros aos 95 clubs, 18 deportistas individuais e as 13 escolas deportivas das comarcas, ademais de financiar grandes eventos. O servizo de Novas Tecnoloxías asesorou a 144 empresas co programa SmartPeme e implantou a Administración electrónica e o padrón electrónico nos 8 concellos, ademais de formar ao persoal e cargos públicos. Finalmente, a Deputación dedicou 2,7 millóns a financiar o Consorcio de Bombeiros/as do Deza e outros 781.333 euros en achegas aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Lalín e A Estrada.

O balance de xestión rematou coa finca de Mouriscade, que ten recibido un total de 9,4 millóns de euros durante os dous últimos mandatos e conta hoxe cun Plan Estratéxico. Froito disto foi a súa inclusión entre as 12 mellores explotacións no ránking da Confederación de Frisona Española (Conafe) “e subindo”. Nos últimos meses estrouse o laboratorio móbil, o novo sitio web e creouse unha plataforma para adquirir directamente embrións de alta calidade xenética.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.