A Deputación adxudica a mellora da mobilidade peonil na EP-7203 que transformará o tramo urbano de Soutelo

A actuación ten un orzamento de 327.253€ e permitirá crear un espazo peonil continuo e seguro

20/05/2023

Adxudicacion EP Soutelo Forcarei

A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-7203 Soutelo-Covas en Forcarei por un orzamento de 327.253€. Estes traballos, que transformarán o tramo urbano de Soutelo, financiaranse a través dun convenio entre a institución provincial, que aporta o 70% do investimento, e o Concello, que afronta o 30% restante. O prazo de execución será de catro meses.

Os traballos desenvolveranse na travesía da Igrexa parroquial, que enlaza coa N-541 e cos accesos ao cemiterio e ao CEIP, e seguirán os criterios de seguridade viaria e mobilidade amable, tal e como explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, en rolda de prensa. Nesta zona contémplanse tres actuacións para garantir a existencia dun espazo continuo reservado para as persoas camiñantes e ciclistas, delimitar os espazos para o tráfico rodado e garantir a seguridade. No primeiro tramo, de maior concentración de vivendas e con menor ancho de vía, executarase unha plataforma de uso compartido entre peóns e automóbiles con prioridade peonil e cun único sentido de circulación rodada. A continuación executarase unha senda peonil de 2,5 metros de ancho, un carril para o tráfico rodado en dirección nordés e unha intersección sobreelevada co barrio do Meixueiro con tres pasos peonís.

Na última parte do tramo de actuación, a calzada contará, ademais da senda peonil de 2,5 metros, con dous carrís e dobre sentido de circulación rodada ata o cruce da Madalena. Tamén se adecuarán os firmes, mellorarase o sistema de drenaxe, procederase a renovar a sinalización e a iluminación e soterraranse os cables dos servizos eléctrico e de telecomunicacións.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.