A Deputación destina en Forcarei preto de 400.000€ para a transformación integral do centro de Soutelo

As obras na EP-7203 Soutelo-Covas xa están en licitación e suporán crear itinerarios seguros e sendas peonís recuperando espazo público no centro do casco urbano

23/03/2023

ESTRADA SOUTELO COVAS FORCAREI

A Deputación de Pontevedra acometerá nos próximos meses unha importante transformación do centro urbano de Soutelo de Montes, en Forcarei, cun ambicioso proxecto nas infraestruturas viarias que suporá a mobilización de case 350.000 euros para acometer a mellora da estrada provincial EP-7203 Soutelo-Covas. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, visitaron a zona onde se acometerán as obras, cuxa licitación xa está en marcha e o prazo de presentación de ofertas remata o próximo 4 de abril.

A actuación da EP-7203 en Soutelo de Montes abrangue un tramo de 380 metros, concretamente na travesía da Igrexa parroquial, que enlaza coa N-541 e cos accesos ao cemiterio e o CEIP. Neste ámbito a Deputación acometerá unha obra de adecuación da plataforma e as marxes, que suporá transformar de forma integral esta infraestrutura viaria para adecuala aos criterios de seguridade viaria e mobilidade amable da institución provincial, nunha zona urbana moi transitada que conecta os núcleos da Madalena e Sanguiñedo. Trátase da zona de Soutelo de maior concentración de vivendas, que presentaba un estado de deterioro e con problemas de seguridade peonil. A obra responde as necesidades presentadas polo Concello de Forcarei, que se fixo eco das demandas da veciñanza a quen o deputado e a alcaldesa agradeceron a súa colaboración xa que foi necesaria a cesión de ata 15 parcelas. Na actuación invístense un total de 345.823 € financiados ao 70% pola Deputación (242.076 €) e ao 30% restante polo Concello (103.747 €). Os traballos teñen un prazo de execución de catro meses.

Nesta zona contémplanse tres actuacións para garantir a existencia dun espazo continuo reservado para as persoas camiñantes e ciclistas, delimitar os espazos para o tráfico rodado e garantir a seguridade. No primeiro tramo, de maior concentración de vivendas e con menor ancho de vía, executarase unha plataforma de uso compartido entre peóns e automóbiles con prioridade peonil, cun único sentido de circulación rodada. A continuación executarase unha senda peonil de 2,5 metros de ancho, un carril para o tráfico rodado en dirección nordés e unha intersección sobreelevada co barrio do Meixueiro con tres pasos peonís. Na última parte da actuación, a calzada contará, ademais da senda peonil de 2,5 metros, con dous carrís e dobre sentido de circulación rodada. Tamén se adecuarán os firmes, mellorarase o sistema de drenaxe, procederase a renovar a sinalización e a iluminación e soterraranse os cables dos servizos eléctrico e de telecomunicacións.

Mellora das cunetas transitables

Ademais, tamén se acometerá unha segunda actuación na EP-7203 Soutelo-Covas dentro do contrato do acordo marco para a dotación de cunetas transitables de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra. Nesta vía actuarase en catro tramos, tres na parroquia de Millerada, coa mellora de todo o núcleo de Vilariño e a dotación de cuneta na saída de Portela e no acceso á  Casa-Escola da localidade. Tamén se dotará de cuneta transitable todo o núcleo de Covas, parroquia de Forcarei, recollendo as augas pluviais e aumentando a plataforma nas dúas marxes da vía. En total esta intervención abarca  un total de 820 metros, cun investimento próximo aos 57.000 euros.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.