Baiona transforma o seu balcón ao atlántico coa reforma do Paseo Pinzón a través do Plan ReacPon
Carmela Silva: “É un proxecto fundamental e extraordinario que vai cambiar a face desta contorna da vila, do que vai poder desfrutar a veciñanza e as persoas visitantes que acudan a Baiona”
16/02/2023
A remodelación da contorna do Paseo Pinzón en Baiona que están a executar Deputación de Pontevedra e Concello supón o tiro de saída para a transformación urbanística da vila, como subliñaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Carlos Gómez, durante a visita que realizaron ás obras desta ambiciosa actuación de recuperación do espazo público, presupostada en torno a 1,4 millóns de euros e financiada nun 48% pola Administración provincial e no restante 52% polo Concello.
Carmela Silva subliñou que se trata dun proxecto “fundamental que vai cambiar a face desta contorna de Baiona, e co que non só a veciñanza vai poder desfrutar dun paseo extraordinario a carón do Atlántico, senón tamén as persoas visitantes que acudan”. Neste senso, louvou o traballo desenvolvido polo alcalde, Carlos Gómez, e o goberno municipal neste mandato para “volver poñer este fermoso pobo de Baiona no centro dos destinos turísticos da provincia”, como amosan, engadiu, os espectaculares datos de pernoctacións, de visitantes e de xeración de emprego en torno ao turismo acadados no pasado 2022. “Estou orgullosa –engadiu- de que a Deputación participe deste importantísimo investimento a través do ReacPon, un plan extraordinario que puxemos a disposición dos concellos para que puidesen realizar grandes obras que non son capaces de abordar con recursos propios ou do Plan Concellos”.
Pola súa banda, o alcalde Carlos Gómez destacou a importancia da actuación “nun espazo que vén sendo referente turístico para a nosa vila e para a veciñanza: o balcón ao Atlántico, un emblema histórico para Baiona” e indicou que esta obra supón “o comezo da transformación urbanística da vila, despois de que nos tres últimos anos e medio se abordase a transformación das políticas sociais e culturais”. Despois desta obra no Paseo Pinzón, presentaranse nos vindeiros meses as previstas no Parque da Palma e o paseo de ribeira. “Seguimos e seguiremos –apuntou- na tesitura de transformar a vila para facer máis cómoda a vida da veciñanza, é unha cuestión de principios”.
Tanto a presidenta como o alcalde criticaron a falta de investimento da Administración autonómica en Baiona. “Estou absolutamente indignada –afirmou Carmela Silva- coa Xunta, que non inviste neste concello, que é fundamental para o crecemento da provincia e do conxunto de Galicia. Está a ser a Deputación a que está a garantir as grandes obras, os equipamentos, o apoio ao sector turístico, ao deporte e particularmente ao deporte náutico, ou á cultura. E todo da man do alcalde e o goberno municipal, que nestes catro anos teñen feito grandísimas transformacións para un concello historicamente tan relevante como Baiona, non só para a provincia, para Galicia ou España, senón para o mundo enteiro”. “Ogallá tivéramos axudas como as da Deputación por parte da Xunta, que ten esquecida historicamente a nosa vila –engadiu Carlos Gómez-. Por poñer un exemplo, o investimento que vai facer a Xunta en Sabarís, de case medio millón de euros, está subvencionado polos fondos Next Generation, xestionados directamente polo Goberno de España. A partir de aí pouco máis hai que dicir”.
A actuación
Coa actuación que se está a desenvolver neste espazo central de Baiona, estase a dotar á contorna cunha continuidade visual e funcional entre o propio paseo e o parque da Palma que mellorará as condicións deste espazo urbano para o tránsito peonil. Deste xeito, estanse a eliminar as oclusións visuais e os elementos de urbanización innecesarios, cunha área de preferencia peonil, continua e compacta. Ademais, o proxecto contempla a mellora do firme, dando continuidade ao pavimento de pedra da zona, así como a instalación dunha nova iluminación pública eficiente e de novo mobiliario urbano e sinalización. Tamén se aumentarán os espazos axardinados e arranxaranse as escaleiras de acceso ao litoral e o muro de contención, amais da instalación dunha rede de rega e de drenaxe e un novo sistema de recollida de pluviais.