A Deputación aumenta por segundo ano consecutivo as axudas para editar libros e audiovisuais en galego

As subvencións do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico destinarán 90.000 euros a entidades sen ánimo de lucro que promovan traballos con interese municipal, comarcal ou provincial

27/01/2023

María Ortega

A  Deputación de Pontevedra vén de abrir a convocatoria para conceder as subvencións do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico para editar -en formato papel, audiovisual, mixto e ou especial- traballos en galego coa finalidade de colaborar na súa difusión para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo. A principal novidade deste exercicio é que se incrementa por segundo ano consecutivo a contía das axudas, chegando aos 90.000 euros.

O obxectivo da liña de axudas é editar traballos que abordan temas relacionados coa provincia (xa ben de tipo municipal, comarcal, provincial ou incluso dende unha perpectiva de país), interesantes para a cidadanía, con especial atención á historiografía e a outros estudos de investigación. En especial, valoraranse as edicións que promovan a igualdade social e a visibilización da muller e aquelas dirixidas especialmente a persoas con diversidade funcional, co obxectivo de achegarlle a este colectivo a riqueza lingüística, cultural e patrimonial do territorio.

A deputada María Ortega explica que a convocatoria deste ano (publicadas hoxe no BOPPO) inclúe un novo aumento da partida ata os 90.000 euros debido ao elevado número de solicitudes recibidas en anteriores edicións. Mantense o requirimento principal de que as publicacións teñen que editarse exclusivamente en galego, e que están dirixidas a entidades sen ánimo de lucro. Quedarán excluídas, pois, solicitudes presentadas por persoas físicas, as reedicións de calquera peza editada anteriormente, así como pezas que pertenzan a partidos políticos, sindicatos, ou colexios profesionais, así como tamén as de asociacións, fundacións e similares se as persoas destinatarias son unicamente as persoas asociadas.

O importe máximo da subvención para cada edición non poderá exceder o 70 % do orzamento total. No caso de publicacións en papel, non superará o importe de 3.500 euros, no caso de edicións en formato audiovisual non excederá os  8.000 euros, nas edicións mixtas –que inclúan publicacións en papel e en formato audiovisual- o importe total subvencionado non superará os 8.000 euros, e no caso dos formatos especiais de edicións -coma publicacións en braille, audiolibros para persoas con diversidade auditiva ou formatos para persoas con diversidade cognitiva-, non superará os 12.000 euros.

Poderán solicitarse estas subvencións para a edición de monografías, revistas ou calquera outro tipo de documento de interese, en diferentes modalidades e formatos. Na modalidade de ‘Ficción’ poderanse subvencionar audiovisuais, banda deseñada (traballos que busquen consolidar produtos innovadores de difícil saída en editoriais privadas ou dedicados a públicos específicos, sempre que o seu contido teña un carácter divulgativo respecto á lingua e á cultura galegas) ou edicións especiais en braille e noutros formatos adaptados.

En ‘Non ficción’  valoraranse as edicións de ensaios e estudos que teñan relación con aspectos da provincia, de persoas ou colectivos relevantes desta que teñan incidencia nela e que traten sobre arquitectura e urbanismo, danza, escultura, música, pintura, literatura, cinema e audiovisual, fotografía, banda deseñada, memoria histórica democrática, fomento da igualdade entre xéneros, e fomento da normalización da diversidade funcional, ademais de publicacións relativas ao patrimonio tanto material como inmaterial.

 

Enlaces de interés