A Deputación reparte as axudas para actividades para dinamización da lingua galega entre 34 concellos da provincia
A partida incrementouse este ano un 50% ata os 150.000 euros, esgotándose todo o crédito dispoñible
15/06/2023
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, vén de repartir as axudas para actividades para dinamización da lingua galega entre 34 concellos da provincia. A partida incrementárase este ano un 50% ata os 150.000 euros, esgotándose todo o crédito dispoñible.
As axudas para a dinamización da lingua teñen por obxecto promover, fomentar e difundir as actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega, co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia con repercusión social, que organicen os concellos no seu termo municipal. A axuda para a realización de actividades de dinamización da lingua dirixidas aos concellos pode chegar ata o 75 % do orzamento presentado para a súa realización e poderán beneficiarse deste programa os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes.
Entre os eventos subvencionables están cada ano os certames literarios e xornalísticos, de creación audiovisual e literaria, feiras e eventos, estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia, actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego; ou calquera outra actividade ou programa de actividades cuxo obxectivo sexa fomentar o uso do idioma galego entre a poboación, nomeadamente entre a infancia e a mocidade, ou actividades de captación de neofalantes.
Proxectos
Na comarca de Pontevedra accederon ás axudas Barro 5.444 euros para o proxecto dándolle á lingua’; Poio(4.005 euros) para o concurso literario Xaime Illa Couto; e Ponte Caldelas, 3267 euros para o calendario de dinamización sociolingüística das Letras Galegas. Na comarca do Morrazo as acudas chegaron a Bueu, para o proxecto Ghallufadas; para Cangas (Vaidelingua 2023), Marín (certame literario), Moaña para o programa ’21 días en galego’; e para Vilaboa, para cartaces e anuncios de actividade de promoción económica e comercial.
Na comarca de Caldas, as subvencións chegaron a Caldas, para o proxecto ‘Caldas move ficha a prol do galego’; para Cuntis, para o proxecto ‘#Faiogalegoviral’; a Moraña, para promocionar o galego no comercio; a Portas, para o libro ‘Mulleres da nosa terra’; e a Valga, para o premio de investigación Xesús Ferro Couselo. No Salnés, os concellos beneficiarios foron Cambados, para os libros ‘Mulleres da nosa terra-Rosalía’; Meis, para o teatro ‘As alumnas’ con motivo das Letras Galegas; e Sanxenxo, para as actividades ‘Sanxenxo Fala’.
No Deza Tabeirós unicamente se beneficiaron Dozón , para celebrar o día das Letras Galegas e Vila de Cruces, para ‘Cantos na Taberna 2023’. No caso do Condado Paradanta, as axudas foron para A Cañiza, para actividades xerais de dinamización; Mondariz, para ‘O mes da nosa lingua’; As Neves, para ‘Outono en galego’; Ponteareas para a edición dun libro dentro de Creación e difusión cultural.
Na área metropolitana de Vigo, Redondela recibiu axuda para un proxecto de toponimia. Tamén Soutomaior, para as Letras Galegas; Pazos de Borbén, para obradoiros de creación literaria; O Porriño para ‘A mocidade coas letras galegas’; e Mos, para ‘Cinema en galego 2023’.
No Baixo Miño as subvencións foron para A Guarda, para ‘A Guarda dálle á lingua, no cinema tamén’; a O Rosal, pera o traballo ‘Memoria Viva e Patrimonio inmaterial do Rosal’; a Tomiño, para actividades de fomento de emprego en galego e celebración das Letras Galegas; Tui, para o programa ‘Tui en Letras 2023’. Finalmente, no Val Miñor, Oia puido crear o vídeo ‘A gandeiría de Oia’.