A Deputación aproba axudas por valor de 220.000 euros para que entidades e concellos promovan actividades de dinamización da lingua galega
A deputada María Ortega busca “desmontar prexuízos e difundir argumentos que acaben con opinións belixerantes e demagóxicas sobre o galego”
23/03/2022
O departamento de Lingua da Deputación vén de aprobar as bases de subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro e aos concellos para realizar actividades de dinamización da lingua galega durante este ano 2022. Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, repartiranse 120.000 euros entre as entidades, mentres que os concellos da provincia recibirán 100.000 euros.
Estas dúas liñas de axudas, que por terceiro ano se aproban por separado, teñen como obxecto a dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social, así como para as actividades de entidades culturais sen fins de lucro dirixidas a promover, fomentar e difundir o emprego da lingua galega.
Segundo a responsable provincial de Lingua, a realización de actividades de dinamización lingüística resulta crucial para favorecer o coñecemento, posta en valor e uso da lingua galega por parte da cidadanía e en todos os ámbitos. Para iso, destaca Ortega, “é necesaria a implicación de todos os sectores sociais e, principalmente, o tecido asociativo, que está máis preto da cidadanía, co obxectivo de incrementar a presenza do galego en todos os contextos e desmontar os prexuízos a través dunha boa información e difundir argumentos que acaben con opinións belixerantes e demagóxicas sobre o galego que aínda permanecen en certos ámbitos”.
Neste senso, a Deputación vén de constatar “á demanda que ano tras ano mantén constante o tecido asociativo da provincia en favor da promoción e defensa da nosa lingua, tal como se aprecia no incremento constante de entidades solicitantes”. Así, para repartir os fondos provinciais de maneira máis ampla, a subvención para entidades culturais sen fins de lucro non poderá superar o 75 % do orzamento presentado para a súa realización, e, como máximo, tres mil cincocentos euros (3.500,00 €).
No relativo ás axudas aos concellos, a nacionalista sinala que as administracións locais constitúen unha vía de dinamización lingüística prioritaria, por tratarse da organización administrativa que é máis próxima e que máis directamente lle transmite a acción pública á cidadanía, podendo aplicar medidas de intervención directa atendendo á poboación e ao territorio, e favorecendo a planificación individualizada segundo as particularidades sociolingüísticas de cada zona. A axuda para a realización de actividades dos concellos non poderá superar o 75 % do orzamento presentado.
Entre outras actuacións valoraranse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.
O prazo de presentación de solicitudes para entidades e concellos comezará a contar a partir do día seguinte da publicación da convocatoria e o seu estrato no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).