A Deputación acolle este sábado un acto de compromiso dos concellos para promover o uso da lingua galega nas súas relacións coa xustiza

Gobernos de todo signo político asinarán a ‘Declaración de Pontevedra’, un texto que busca superar a marxinación do galego nos usos xurídicos

12/01/2023

A Deputación de Pontevedra, da man  da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación de Persoal Funcionario para a Normalización Lingüística e da Xunta de Galicia, realizará este sábado un acto no que reunirá a boa parte dos concellos da provincia, de todo signo político, para asinar a ‘Declaración de Pontevedra’, un manifesto no que as administracións locais se comprometen a promover o uso da lingua galega nas súas relacións coa xustiza.

Segundo subliña a deputada María Ortega, o departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra ten entre os seus obxectivos normalizar e promover o galego en todos os ámbitos da vida no país e “un dos sectores nos que consideramos é preciso aínda dar moitos pasos adiante á a galeguización xurídica dos concellos”.

A nacionalista defende que dende as administracións locais da provincia de Pontevedra, e nomeadamente dende o goberno provincial, é necesario promover a actividade xurídica municipal en galego superando a actual situación, na que o castelán é o idioma maioritario, principalmente porque o galego se viu arredado historicamente do mundo da xustiza e porque os servizos de asesoramento xurídico están externalizados na meirande parte dos concellos sen que haxa cláusulas que inclúan a obrigatoriedade do seu uso, “co fin de garantir a liberdade e a igualdade da cidadanía galegofalante”.

Por este motivo, e buscando “rachar coa situación e mover os marcos da lingua”, segundo di Ortega, a Deputación vén de citar aos concellos da provincia este sábado nun acto simbólico no que se pretende conmemorar tamén o 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego e asinar por parte das e dos alcaldes da provincia de Pontevedra unha declaración a prol da galeguización dos servizos xurídicos dos concellos, así como descubrir unha placa nun monolito nos xardíns da Deputación en lembranza de tan sinalado día.

No acto estarán presentes a presidenta Carmela Silva, a propia deputada de Lingua María Ortega, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, o presidente da Irmandade Xurídica Xaquín Monteagudo, a maxistrada Paz Filgueira Paz, as avogadas Patricia Vilán e Ana Mosquera, así como o representante da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra Xavier Munaiz.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.