28 concellos da provincia solicitan a subvención da Deputación para acceder aos fondos europeos para a mellora de instalacións deportivas municipais

As achegas permitirán aos concellos de menos de 50.000 habitantes optar ao financiamento da nova convocatoria do Plan de Recuperación para proxectos de turismo deportivo sostible

02/05/2023

Un total de 28 concellos da provincia solicitaron subvencións ao abeiro da liña extraordinaria da Deputación de Pontevedra para contratara asistencias técnicas e axudarlles a preparar a documentación necesaria para optar á próxima convocatoria para o fomento do turismo deportivo sostible do Plan de Recuperación do Goberno de España, que terá un orzamento total de máis de 36 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation EU, para a mellora de instalacións deportivas municipais e para o que se cada entidade local pode presentar ata dous proxectos podendo optar a unha achega máxima de 600.000 euros..

Agolada, Bueu, Caldas de Reis, A Cañiza, Covelo, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecesures, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Tui, Vilaboa e Vilanova de Arousa foron os concellos da provincia que solicitaron achegas de ata 5.000 euros para sufragar os gastos das asistencias técnicas que se contraten para preparar a documentación necesaria para a solicitude da axuda, así como para a redacción e/ou adaptacións dos proxectos de investimento que se poidan acoller a esta convocatoria do Consello Superior de Deportes. Os proxectos céntranse en espazos deportivos como pavillóns municipais, áreas recreativas fluviais, campos de fútbol, complexos deportivos, piscinas municipais e instalacións deportivas en diferentes espazos, entre outros.

A finalidade do Plan de Recuperación para o fomento do turismo deportivo, que o Goberno do Estado activará proximamente, é, coa mellora das infraestruturas e espazos deportivos municipais, fomentar o turismo deportivo sostible, intentando que o deporte aumente o potencial de atracción de turismo nacional e internacional dos concellos. Preténdese así incrementar a actividade económica sostible e o emprego en zonas rurais, de menor densidade de poboación ou que están sendo abandonadas, incidindo na igualdade e a inclusión, a dixitalización e a eficiencia enerxética.