Arrancan en Sevilla e Bilbao os workshops cos que a Deputación e o sector turístico darán a coñecer a competitividade do destino Pontevedra provincia

A Sala Metropol-Setas de Sevilla acolle esta tarde a unha trintena de empresas e entidades da provincia que manterán encontros networking con firmas andaluzas. Mañá chegarán ao Yimby Bilbao Ercilla capitaneadas pola presidenta Carmela Silva

19/10/2022

Workshop Sevilla

Máis de trinta empresas e entidades do sector turístico da provincia, coa presenza do Cluster de Turismo e capitaneadas pola Deputación de Pontevedra desembarcaron hoxe en Sevilla para o primeiro dos workshops con empresas andaluzas co obxectivo de fomentar a desestacionalización, competitividade do destino e incrementar a captación de visitantes en mercados emisores de interese para Rías Baixas. A icónica e impoñente Sala Metropol-Setas de Sevilla concentrará esta tarde os encontros networking e a presentación dos atractivos turísticos da provincia que continuarán mañá xoves, 21 de outubro, no Yimby Bilbao Ercilla. Prevense reunións de negocio con máis de 160 firmas de andaluzas e vascas.

Tanto en Sevilla como en Bilbao a xornada presenta o mesmo formato, comezando ás 19.45 horas coas reunións de networking profesional entre as máis de trinta empresas e entidades da provincia e as máis de 160 maioristas e comercializadoras andaluzas e vascas para pechar negocios turísticos. A continuación, terá lugar a presentación do destino Rías Baixas, onde se amosará a ampla oferta, tanto de costa como de interior, da provincia de Pontevedra. Acompañará a presentación de destino a música da artista pontevedresa Cora Velasco e unha degustación de produtos das D.O. da provincia a cargo do chef  do Niño Corvo Adrián Albino. Presentará o evento Rocío Delgado, xornalista viguesa que traballa no eido televisivo estatal.

A delegación provincial desprazada a Sevilla e  Bilbao está integrada por empresas que representan todos os sectores relacionados co turismo, dende hoteis a axencias receptivas, adegas, casas de turismo rural, empresas de aluguer de barcos a motor e vela, ademais da Ruta do Viño Rías Baixas, do Museo de Pontevedra e os castelos de Soutomaior e Sobroso.  Participan entidades de Bueu, Cambados, A Estrada, Meaño, Oia, Poio, Pontecesures, Pontevedra, O Rosal, Sanxenxo, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía como Alda Hotels, Hotel Attica 21 Vigo, Hotel Bahía de Vigo, Hotel Ciudad de Vigo, Hotel OCA Ipanema, Hotel Zenit Vigo, Pazo Los Escudos, Vio Viajes, Sailway, adegas Terras Gauda, Hotel Talaso Atlántico, Casa do Sear, Circuítos Galicia, Galicia Villas, Gran Talaso Sanxenxo, Hotel Pirámide, Hotel Spa Nanín, Viajes Interrías, Celtatravel, Paco&Lola, Always Spain Incoming, Tee Travel, Hotel San Luis, Hotel Villa Covelo e Simply Galicia.

Cos workshops, enmarcados no Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023, a Deputación tense convertido na única administración provincial galega que realiza estas exitosas actividades de promoción e comercialización do destino. Se o pasado ano tiveron lugar en Madrid e Valencia, nesta ocasión foron seleccionadas Sevilla e Bilbao por ser mercados de interese para a provincia, cun forte consumo de cultura e enogastronomía. Deste xeito cobra especial importancia a participación nos workshops do Museo de Pontevedra, o castelo de Soutomaior, o de Sobroso, adegas e a Ruta do Viño Rías Baixas. Ademais, a actividade en ambas cidades enmárcase na firme aposta da institución provincial por desestacionalizar o destino e reforzar a súa presenza en mercados nos que xa ten presenza a través da asistencia a feiras sectoriais como Expovacaciones de Bilbao.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.