Con máis de 30 accións formativas gratuítas arranca a quinta edición de “Conectadas”, despois de dous anos de parón pola pandemia
A Deputación retoma o programa dirixido a asociacións, federacións e fundacións que teñen por obxectivo a igualdade, a creación de redes, a promoción das mulleres e o apoio ao seu desenvolvemento e empoderamento
24/01/2022
Despois de dous anos de parón pola pandemia a Xunta de Goberno da Deputación vén de dar o pistoletazo de saída á V edición do programa “Conectadas”. Esta iniciativa, na que nos 4 anos nos que se desenvolveu participaron case 20.000 mulleres, inclúe, tal e como explicou Carmela Silva, 30 accións formativas gratuítas dirixidas a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que “teñen por obxectivo a igualdade, a promoción das mulleres e o apoio ao seu desenvolvemento e empoderamento, para mellorar a súa formación básica, crear redes, mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital de xénero”.
O programa conta cun importante orzamento de 324.000 € e permite ás asociacións elixir entre 30 accións formativas que serán totalmente gratuítas. “Todas, tal e como explicou a presidenta Carmela Silva, terán unha duración de 35 horas e incluirán un módulo obrigatorio de sensibilización na Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
As accións formativas están integradas en cinco bloques temáticos: “Emprende: iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. No marco de “Emprende: iniciativas sostibles para o emprego” inclúense iniciativas de formación como “Crear a túa empresa. Deseño dun plan de negocio”, “Administradoras de redes sociais”, “Comercio electrónico”, “Asesoría laboral e fiscal”, “Marcando o teu rumbo. Empoderamento e liderado” e “Actívate na busca de emprego”. “ExpresARTE” oferta cursos de “Pintura”, “Teatro”, “Animación á lectura, narración e poesía”, “Iniciación ao patchwork”, “Iniciación ao scrapbooking” e “Artesanía en Coiro”. No que respecta a “Conéctate” preséntanse acción formativas que van dende “Alfabetización Dixital I e II” ata “Socializándose coas Redes” e “Administración Electrónica”. En canto a “Sementa Sostibildiade” inclúense iniciativas como “Poda e tarefas de campo desde a sostibilidade”, “Xardinería” e “Horta Ecolóxica”. E no marco de “O teu momento. Coidado e benstar” as participantes poden escoller entre “Ioga”, “Pilates”, “Taichí”, “Ximnasia hipopresiva”, “Sendeirismo”, “Menopausa de forma saudable”, “Coidar coidándonos”, “Relaxación e manexo do estrés: momentos en calma”, “Musicoterapia”, “Risoterapia” e “Obradoiro de mindfulness”.
O prazo para solicitar a participación no programa, por vía electrónica, será dun mes e comezará a partir do día seguinte ao da publicación das bases da convocatoria no BOPPO. Dende a posta en marcha de “Conectadas” no 2016 participaron nas catro edicións preto de 20.0000 mulleres.