Areeiro prevé un aumento da presenza do mildio nas viñas polo aumento das esporas no ambiente
O Centro Fitopatolóxico da Deputación advirte ademais do incremento de síntomas da enfermidade do black rot en predios de toda a provincia
13/05/2023
A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que alerta da posibilidade de que a presenza do mildio nas viñas aumente nos vindeiros días, despois de constatar un aumento do volume de esporas recollidas, que pasou dos 20 esporanxios/m3 de aire a máis de 100/m3 ou incluso a 200. Isto prodúcese debido ás condicións favorables dos últimos días, xa que as temperaturas mínimas continuaron relativamente altas, o mesmo que sucedeu coa humidade relativa diaria, que en xeral estivo por riba do 80%, ao que se uniron as choivas que na pasada fin de semana chegaron a superar os 30 l/m2 nalgunhas zonas da provincia. Todo isto levou a que se multiplicase o número de manchas nas plantas tratadas hai dúas semanas, e incluso apareceron manchas novas e algún acio illado amosa esporulación incipiente.
O centro aconsella renovar a protección antimildio naqueles predios nos que se vexan síntomas ou estea próximo a finalizar a protección do tratamento anterior. Como noutras ocasións, o aviso lembra a importancia de evitar aplicar o tratamento naqueles días nos que o vento sopre con intensidade, caso no que recomenda deter o traballo ata que reduza por debaixo dos 11 km/h.
Areeiro tamén alerta do incremento dos síntomas de black rot en viñas de todas as zonas da provincia, de maneira máis tímida nas plantas máis tratadas e de xeito máis evidente nas abandonadas dos muros, onde apareceron tanto no limbo foliar como nalgúns pecíolos. No caso de que aparezan síntomas, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar un antimildio con efecto fronte a este patóxeno para limitar a incidencia de posibles contaminacións dos acios.
No relativo a outras especies vexetais, o aviso fitosanitario advirte dunha maior presencia de colonias de pulgón cincento en maceiras de diferentes zonas da provincia, para o que recomendan eliminar as follas afectadas ou, se aumentan, tratar as árbores. Tamén recomenda seguir instalando trampas para a avelaíña da maceira. Por último, nas árbores de ribeira xa se empezan a observar os síntomas de diferentes especies de crisomélidos, que afecta sobre todo aos salgueiros, mais tamén empeza a ser notoria nos amieiros.