A Deputación acolle este venres no Edificio Administrativo da institución provincial en Pontevedra un faladoiro sobre Mercedes Ruibal no marco de Aquí faltan Páxinas

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos abrirá o faladoiro, que terá lugar este xoves ás 19:00 horas, e será impartido por Graciela Baquero, sobriña de Mercedes Ruibal

05/11/2024

A pintora Mercedes Ruibal e os seus trazos dramáticos serán protagonistas este venres 8 de novembro no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra dunha nova entrega do programa da institución provincial Aquí faltan páxinas. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro que comezará ás 19:00 horas a cargo de Graciela Baquero Ruibal, sobriña de Mercedes Ruibal.

O faladoiro, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun pódcast que estará dispoñible nos próximos días tanto no sitio web institucional como en Ivoox e Spotify, con testemuños recollidos durante o encontro deste venres. O faladoiro centrarase en Mercedes Ruibal, nada en Xeve, nunha familia de grandes inquietudes artísticas que se viu obrigada a emigrar a causa da guerra. En Bos Aires iniciouse na pintura con Laxeiro como amigo, mentor e mestre e, cando regresou a Galicia, fíxoo convertida en pintora. Viviu  en Madrid e tras casar con Agustín Pérez percorreu medio mundo, con parada en cidades como Roma, onde compartiu estudo con Rafael Alberti. A súa pintura figura nas coleccións de varios museos galegos e americanos.

A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano. As accións deste ano, ademais da traxectoria de Mercedes Ruibal, tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a raíña Dona Urraca, a política e activista Urania Mella, a combatente María Araujo, ademais da soprano María Pardo.

Enlaces de interés