Aposta pola saúde a través do deporte co apoio ao “dragon boat” do BCS da man do Club Piragüismo Pontevedra, ADICAM e a Deputación

Unha ducia de mulleres da provincia con cancro de mama ou xinecolóxico viaxan esta fin de semana a Asturias para competir na Copa de España

24/08/2022

Equipo dragon boat  

O deporte non é só competición, tamén hai un eido social que ten moito que ver coa saúde. Así quedou patente hoxe na Deputación durante a recepción ao equipo de "dragon boat" que esta fin de semana viaxará ata Asturias para competir na Copa de España na modalidade de BCS (Breast Cancer Survivor, ou o que é o mesmo Sobrevivintes do Cancro de Mama). Unha equipa formada por unha ducia de mulleres da provincia que naceu da man do Club de Piragüismo Pontevedra e da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama e Xinecolóxico (ADICAM) e que conta co apoio da Deputación.

O deputado Gorka Gómez e a deputada Noemí Outeda recibiron hoxe a parte das integrantes do BCS Pontevedra: María Teresa Nuevo e Isabel Millán, de Pontevedra; Chus Torres e María del Carmen Buceta, de Poio e Isabel Lema, de Soutomaior. Faltaron á cita, pero estarán a bordo do barco compañeiras de Cangas e Vigo. No acto institucional participaron tamén José María Pazos, directivo do Club de Piragüismo, e María Martínez, traballadora social de ADICAM.

A viaxe a Asturias é o primeiro desprazamento que realizan fóra de Galicia, pero o BCS Pontevedra xa acadou unha medalla de bronce na súa participación na Copa de España, celebrada no encoro de Verducido no pasado mes de xuño.

Isabel Lema, impulsora do equipo, quixo agradecer a colaboración da Deputación e lanzar "un berro de axuda" a todas as deportistas BCS, para que as institucións e empresas que poidan as apoien. Isabel tamén quixo remarcar que contan co patrocinio da empresa BPS, que lles financia esta viaxe e permítelles co seu apoio "realizar este gran soño".

"Este é un dos actos máis emotivos e fermosos dos últimos anos", destacou o deputado de deportes, Gorka Gómez. "O cancro de mama ou xinecolóxico así como moitas enfermidades, son desgraciadamente patoloxías que a todos/as nos tocan cerca", engadiu. Gómez quixo felicitar ao Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e a ADICAM por esta "fermosa iniciativa social". A práctica dunha actividade deportiva vai máis aló do "aspecto físico e da competición" e os beneficios que trae consigo "na mellora da saúde" tamén deben ser valorados. O deputado provincial felicitou as deportistas polo seu "tesón e esforzo" e porque "adestrar, moitas veces non apetece e máis se tes unha patoloxía". O responsable provincial de Deportes felicitou ás palixeiras do BCS Pontevedra "por facer grupo e polo seu espírito de superación, polo seu sacrificio e por axudar a visibilizar ás mulleres que pasan por isto".

Dende o Club Piragüismo Pontevedra valorouse o apoio da institución provincial aos deportes náuticos que conseguen levar o nome da provincia por todo o territorio e, especialmente, o acompañamento "nestas iniciativas sociais". Para o directivo José María Pazos as integrantes do BCS Pontevedra foron quen de sacar adiante "un gran traballo e nós so estamos detrás axudando co que podemos". Pola súa banda, María Martínez, de ADICAM, amosouse moi orgullosa dun equipo no que "todo sae do esforzo e o traballo" porque o realmente importante non son as competicións, senón a "continuidade duns adestramentos que pasan así a formar parte do seu tratamento".

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.