A Deputación abre o prazo para a derradeira das rutas de “Voando nas Rías Baixas” na enseada de San Simón

A última visita ornitolóxica desta sexta edición do programa será o vindeiro domingo 26 de novembro pola enseada de San Simón

12/11/2023

A Deputación de Pontevedra abre este luns 13 de novembro en www.depo.gal o prazo de inscrición para a derradeira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da sexta edición de “Voando nas Rías Baixas”, unha iniciativa organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife para dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación dos espazos naturais protexidos. A ruta, que se desenvolverá o 26 de novembro e para a que se ofertan 25 prazas gratuítas, permitirá coñecer as aves que habitan na enseada de San Simón.

A enseada de San Simón está situada no máis profundo da ría de Vigo. Nesta paisaxe intermareal a influencia das mareas propicia a invernada e o paso migratorio de aves acuáticas e mariñas, ademais de paseriformes das contornas arbóreas, o que fai que sexa un espazo protexido pola Rede Natura 2000. Ademais do parrulo asubiador (que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia), é posible observar outros anátidos atractivos. Resaltan tamén as aves limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo, o mazarico real… e ardeidos coma a garza real, a garzota común, varios tipos de gaivotas, corvos mariños e paxariños coma o vistoso picapeixe.

A andaina estará conducida por dúas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife. Como recomendacións para as persoas participantes aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo terreo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos para a observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves e unha lista de aves para que elaboren a súa propia durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo, recoméndase que os leven, ademais dunha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.