A Deputación reabre a EP9511 co aval dos informes técnicos aínda que estará “moi vixiante” do estado da ponte de Ponte Arnelas

Carmela Silva: “Por riba de todo está a seguridade polo que non podiamos reabrir sen o informe técnico que garantira a apertura. Imos estar moi pendentes por se en algún momento temos que tomar outra decisión”

21/04/2023

Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra reabre hoxe a EP9511 Cabanelas-Ponte Arnelas, que discorre por debaixo dun dos tramos da ponte de Ponte Arnelas, despois da avaliación técnica que confirmou a súa seguridade ao no pasar baixo a zona sinistrada, aínda que, como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, a Administración provincial “estará moi vixiante por se en algún momento temos que tomar outra decisión”.

A apertura prodúcese, como explicou Carmela Silva, tralo informe do servizo de Infraestruturas que garante as condicións de seguridade na estrada, “que non pasa por debaixo da parte da ponte que colapsou”. “Teño clarísimo que por riba de todo está a seguridade, a estrada estivo ben pechada e non podiamos tomar unha decisión ata ter o informe serio dos e das enxeñeiras da Deputación, que nos di que podemos abrir sen problemas de seguridade para as persoas e os vehículos que transitan por ela”. En todo caso, sinalou, imos estar moi pendentes e facer todo o seguimento necesario porque se nalgún momento temos que tomar outra decisión”.

En concreto, a presidenta provincial subliñou que aínda que a estrada “non pasa pola parte da ponte que colapsou, queriamos estar seguras e seguros de que  ese colapso non ía producirse en toda a ponte”·  Isto foi confirmado polo informe técnico, que lembra que o risco estrutural atópase localizado na parte metálica da ponte, producido pola rotura de varias péndolas de suxeición do taboleiro, e que os vanos de formigón non presentan danos. Amais, entre a parte metálica da ponte e o tramo polo que pasa a EP9511 sitúanse dous vanos que funcionan estruturalmente de forma independente. “Polo tanto, está o tramo da ponte que colapsou, outros dous vanos e o cuarto é por onde pasa a vía provincial –lembrou-.-  As persoas técnicas dinnos que non ven perigo, aínda que imos estar moi atentos e vixiantes.”

audios