A expresividade poética de Carmen Domínguez enche de cor e texturas o edificio Castelao

O Museo abre a exposición ‘Carmen Domínguez. Cor, sempre cor’, que xunta obras realizadas pola artista pontevedresa desde 198o ata principios da década pasada

11/05/2023

APERTURA CARMEN DOMÍNGUEZ

O Museo de Pontevedra vén de abrir a exposición ‘Carmen Domínguez. Cor, sempre cor’. A mostra, que se poderá visitar ata o próximo 3 de xullo, xunta unha escolma de máis de dúas ducias de obras pictóricas realizadas pola artista pontevedresa ao longo de catro décadas: desde 1980 ata a primeira metade da década pasada.

O director do Museo, José Manuel Rey, foi o encargado de abrir a mostra, acompañado polo comisario, Kike Ortega, e o crítico cultural Ramón Rozas. José Manuel Rey sinalou que “hoxe festexamos a vitalidade dunha artista pontevedresa, ben querida nesta cidade, que trasladou á súa obra o amor á arte e á vida que caracterizou a súa existencia. Infelizmente hai xa dous anos que Carmen Domínguez nos deixou, pero permanece o seu legado: a lembranza das persoas que a coñeceron e unha obra pictórica sólida, rica en matices e enormemente suxestiva”.

Carmen Domínguez naceu en Pontevedra en 1951 e morreu en Madrid en abril de 2021, aos 70 anos de idade. A súa pulsión artística está presente ao longo de toda a súa vida, caracterizada por un permanente proceso de aprendizaxe. Como pintora pasou dunha obra figurativa inicial a unha maior abstracción a partir da década dos 90, algo que se reflicte moi ben nesta exposición.

“Nos seus cadros a cor é protagonista, sexa con gamas cálidas ou frías. A investigación con formas e texturas, a introdución de diferentes materiais, as referencias ao terreal e ao sensual, a combinación do abstracto con elementos recoñecibles e simbólicos... Esta exposición ofrécenos a posibilidade de indagar nos ricos matices da creatividade de Carmen Domínguez”, explicou José Manuel Rey.

A exposición recibe ás persoas visitantes con ‘El mercado’, unha pintura de 1980 na que coa escusa dun tema costumista investiga con brillantez sobre as formas e as cores. A partir de aí desprégase unha suxestiva colección de pezas, que en moitos casos acadan a tridimensionalidade a través de diferentes solucións técnicas.

O dominio da cor que mostra Carmen Dominguez aparece tanto na intensidade das cores cálidas, como o amarelo de ‘Recuerdo al olvido’ (2000-2010), os tons alaranxados de DNI (2000-2010) ou o vermello de ‘Rojo y madera’ (2000-2010), ou a profundidade que aplica no uso de cores frías, como o azul da fenda que se abre en ‘Qué pasó con la música’ (1990-1995) ou a gama de verdes de ‘Portonovo’ (1990-95).

Esta última é un bo exemplo das obras que remiten ao telúrico, como tamén ‘El lenguaje secreto’ (1990-1995) ou ‘Dolor de tierra’ (2000-2010). E os elementos simbólicos dotan de expresividade poética unha obra que só é abstracta en aparencia: así aparecen portas e portais en ‘El portal de lo intangible’ (2000-2010) e ‘DNI’, ou escaleiras en ‘La escalera de Jacob (2000-2010) e ‘Más allá del dolor’ (2000-2010), obra que protagoniza o cartel da exposición.

Á súa última etapa pertence unha serie de obras nas que queda a un lado a abstracción para achegarse á natureza, que deixa a súa pegada directa sobre o lenzo. A representación de bosques, nomeadamente en outono, sérvenlle para estudar a cor e a luz. Como sinala Ramón Rozas no seu texto para o catálogo da mostra, nestas obras finais “Carmen Domínguez acada unha conquista da beleza no senso máis clásico do termo dende a complicidade con esa natureza que xorde como firme aliada cando máis era necesaria”.  

Carmen Domínguez

Carmen Domínguez Vaz nace en Pontevedra en 1951. A súa vocación pola pintura xorde á idade de cinco anos. A súa vida está marcada pola aprendizaxe constante. Estudou Maxisterio, pero nunca deixou de pintar. Tras terminar a carreira pasa por distintas escolas, onde absorbe os consellos dos seus diferentes profesores, cos que discrepa en canto a formulacións artísticas, pero dos que aprende técnicas e procedementos que lle facilitaron no futuro atopar a súa propia expresión.

En 1968 marcha a París a estudar francés, apuntándose como oínte na Escola de Belas Artes, onde descobre un mundo de liberdade, fóra das normas academicistas que nese momento se impartían en España. Na capital francesa absorbe as técnicas dos grandes mestres e atópase con toda unha serie de fórmulas descoñecidas, que lle abrirían novos camiños.

A comezos dos 80 viaxa a Rusia. Alí entra en contacto co mundo pictórico do país, coñece algúns talleres e analiza en profundidade o sentido relixioso das iconas. Admira a Picasso, Juan Gris, Miró, Mondrian, Paul Klee ou Kandinsky, pero tamén de Velázquez e de Goya.

Despois de participar en varias mostras individuais, en 1983 abre en Pontevedra e apadriñada por Laxeiro a súa primeira exposición individual. A partir dese ano, comeza a obter os seus primeiros premios, como a Medalla de Ouro de Pintura relixiosa, o primeiro premio do Concurso Nacional de Casinos de España en 1983 e o primeiro premio do Concurso Pintura Libre Comunidade Autónoma de Andalucía en 1986. Participa na Bienal de Pontevedra e expón en Ferrol, Granada, Vigo, Madrid, A Coruña, Santiago de Compostela e outros países, como Alemaña, Arxentina e Uruguai.

Carmen Domínguez expón con regularidade e traballa de maneira incansable no seu taller. Alí encérrase rodeada de música clásica e faladoiros radiofónicos, participando en todo o proceso de creación: prepara as teas e fai as mesturas de cores. A súa obra evoluciona ao longo dos anos: desde o realismo máis académico, ata os grandes espazos abstractos dominados pola cor, que dominan a súa pintura a partir da década de 1990, sen renegar dos seus principios académicos.

Faleceu en Madrid o 6 de abril de 2021, á idade de 70 anos. 

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.