Davide Salvado presenta o xoves ás 21 h no convento de Santa Clara o seu novo proxecto, ‘Permita Deus’
O concerto forma parte da programación do Día dos Museos, que inclúe tamén unha visita guiada o venres e o espectáculo de monicreques ‘O peirao’ o sábado
15/05/2023
Davide Salvado presenta este xoves 18 de maio ás 21:00 h na igrexa do convento de Santa Clara o seu novo proxecto ‘Permita Deus’, concibido coma “un acto de fe no patrimonio’, no marco das actividades programadas polo Museo de Pontevedra no ‘Día dos Museos’. A voz e as percusións de Davide estarán acompañadas do violín de Cibrán Seixo e a guitarra eléctrica de Antonio Casado para convidarnos a un recollemento sonoro con forma de concerto e fondo de acto espiritual, para o cal a igrexa do convento de Santa Clara será un escenario único.
‘Permita Deus’ é o novo proxecto dunha das voces máis carismáticas do noso país. Nel percorre un catálogo moi persoal de cancións que quere facer ao espectador partícipe da intimidade dunha atmosfera creada por un son preciosista, lento e un pouco meditativo.
De formación autodidacta, Davide Salvado leva media vida percorrendo aldeas en busca de ritmos, coplas e danzas, de todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música senón tamén do seu modo de vivir. O amor pola tradición, por Galicia, pola cultura e o grandísimo respecto pola nosa terra fan da maneira de entender o canto de Davide moito máis que simplemente música.
A súa traxectoria iniciouse hai vinte anos como membro de Ecléctica Ensemble. A súa versatilidade permitiulle achegarse a xéneros como o cabaré ou o teatro. O seu primeiro traballo discográfico en solitario foi ‘Árnica pura’, producido por Eliseo Parra en 2011, ao que seguiu ‘Lobos’ en 2015, un disco inspirado pola cultura tradicional e a imaxe dunha Galicia pura e salvaxe, que produciu Pedro Pascual. A estes discos en solitario súmanse os proxectos discográficos ou sobre o escenario compartidos con artistas como Ugia Pedreira, Cristina Pato, Santi Cribeiro, Kepa Junquera ou Yo-Yo Ma, entre outros.
Día Internacional dos Museos
O concerto forma parte da programación coa que o Museo de Pontevedra celebra o 18 de maio, Día Internacional dos Museos. Con ‘Museos, sostibilidade e benestar’ como eixo temático, a programación complétase cunha exposición itinerante para achegar a arte ás persoas maiores, unha visita guiada sobre museo e benestar e o espectáculo de monicreques para público familiar ‘O peirao’, de Diáspora Teatro.
O xoves 18 de maio, coincidindo coa data na que se celebra o Día dos Museos, unha exposición itinerante de reproducións de obras de arte do Museo chegará á Residencia da Terceira Idade de Campolongo. Alí, a consultora e formadora en Interpretación do Patrimonio, Isabel Fernández Domínguez, acompañará ás persoas usuarias do texto para interpretar con elas as obras da colección do Museo reproducidas.
O venres 19 ás 18 h terá lugar unha visita guiada no Edificio Castelao, a cargo do equipo de Educación do Museo. Nela proponse unha nova mirada sobre a colección permanente para amosar como se reflicten as preocupacións pola sostibilidade e como contribúen ao benestar da sociedade.
‘O peirao’, de Diáspora Teatro
O sábado 20 de maio ás 12:30 h no Edificio Castelao, o público familiar a partir de 3 anos, poderá gozar dun espectáculo no que se mesturan narración oral, teatro de obxectos, monicreques e clown. ‘O peirao’ é un espectáculo de Diáspora Teatro con contos sobre como coidarnos coidando da natureza.
O espectáculo propón unha viaxe sen rumbo que ten como punto de saída o peirao, o lugar de onde saen moitos barcos e onde chegan outros. Aí xúntanse todas as historias que non se sabe moi ben xa de onde veñen, porque se mesturan co que hai en terra.
Diáspora Teatro é unha compañía galego-arxentina de narración oral e teatro de monicreques e obxectos. Nace no ano 2020 da man de María Dobronich e Dani Blanco ante a necesidade de achegar ao público historias simples e cotiás, que son o motor para a busca dunha poética propia, un teatro desde o escenario ata o corazón.