A Deputación pon en marcha unha alianza polo turismo deportivo sostible cos concellos da provincia para captar novos fondos europeos
A iniciativa servirá para beneficiar aos concellos á hora de atraer recursos comunitarios para mellorar as súas instalacións deportivas, ao abeiro da vindeira convocatoria do Consello Superior de Deportes para o fomento do turismo deportivo sostible
23/05/2023
A próxima convocatoria do Plan de Recuperación do Goberno de España para o fomento do turismo deportivo sostible contará cun orzamento total de máis de 36 millóns de euros dos fondos europeos Next GenerationEU, unha convocatoria que servirá, entre outras actuacións, para a mellora das instalacións deportivas municipais. A Deputación de Pontevedra convocou unha liña extraordinaria para a contratación de asistencias técnicas para optar a esta convocatoria do Consello Superior de Deportes á que se acolleron un total de 28 concellos da provincia.
A presidenta, Carmela Silva, avanzou hoxe que, como continuación a esa iniciativa e “consciente de que hai que facer enormes esforzos para que eses recursos cheguen aos concellos”, a Deputación vén de poñer en marcha a Alianza polo Turismo Deportivo Sostible, que servirá para reforzar as candidaturas dos concellos na vindeira convocatoria para o fomento do turismo deportivo do Consello Superior de Deportes, xa que os municipios que se integren na nova rede provincial recibirán maior puntuación. Desta maneira, a Alianza servirá de panca para beneficiar aos concellos que queiran captar novos recursos europeos do Plan de Recuperación, establecendo obxectivos comúns no desenvolvemento do turismo deportivo e liderando a súa transformación cara un modelo de xestión intelixente, dixital e sostible. “Estamos ao lado dos concellos e apostamos por un turismo deportivo sostible, ámbito no que a nosa provincia ten unha enorme potencialidade”, asegurou Carmela Silva. “Vivimos nun paraíso onde se pode practicar todo tipo de deportes, engadiu a presidenta, e está claro que ter instalacións de alto nivel fará que aquí poidan celebrarse eventos e grandes competicións”.
Coa creación da Alianza, a provincia contará cun mecanismo para afrontar conxuntamente os desafíos e oportunidades que se presenten no territorio neste eido, creando ao tempo un marco de traballo colaborativo, capaz de maximizar o aproveitamento e a posta en valor dos recursos existentes baixo os parámetros da sostibilidade. A iniciativa, á que se poden adherir todos os concellos que o desexen, permitirá impulsar e afianzar o turismo deportivo provincial, garantindo e consolidando a súa aposta no deseño de iniciativas públicas a nivel local. Entre os seus obxectivos están os de promover a provincia como destino do turismo deportivo sostible e impulsalo como unha ferramenta de desenvolvemento económico social, así como contribuír á conservación e protección dos espazos naturais e culturais dos concellos a través dun turismo sostible, máis coñecido como ecoturismo, e fomentar a práctica deportiva e a actividade física. Ademais, difundir e promover diferentes disciplinas deportivas, eventos e competicións, tanto a nivel estatal como internacional; xerar novas oportunidades económicas nos destinos turísticos, impulsando a creación de emprego e o desenvolvemento sostible; ampliar e mellorar a oferta turística dos concellos, e mellorar e fortalecer a imaxe dos concellos, promovendo a provincia como lugar ideal para a práctica deportiva.