A Deputación adxudica as obras de drenaxe na EP-8504 Forno-Cernadas, no concello de Valga

Os traballos teñen un orzamento de 268.973 € e amais de solucionar a problemática das crecidas do río Louro, permitirán ampliar a plataforma da calzada

19/05/2023

A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar as obras de drenaxe na EP-8504 Forno-Cernadas, no concello de Valga, por un orzamento de 268.973€ e cun prazo de execución de catro meses. Tal e como subliñou a presidenta provincial, Carmela Silva en rolda de prensa, a actuación que se realizará nas proximidades dos núcleos da Gándara e Rexenxo amais de solucionar a problemática que ocasionan as crecidas do río Louro permitirá ampliar a plataforma da calzada para garantir unha mobilidade segura e accesible.

Os traballos na estrada provincial inclúen dende a retirada dos elementos da superficie, ata a limpeza e a construción de dous muros de contención. Tamén a demolición dos pasos existentes sobre o río para executar uns novos que mellorarán tanto a capacidade hidráulica como ampliarán a plataforma para dotala de maior seguridade viaria.

Ademais ordenarase a calzada, engadindo máis espazo para o tránsito peonil, construirase un itinerario para as persoas e executarase un novo paquete de firme. A actuación completarase con varandas para a protección das persoas, barreiras de seguridade para delimitar o espazo dos vehículos, sinalización horizontal e redutores físicos de velocidade para o calmado de tráfico.