A Deputación investirá case 300.000€ nas obras de drenaxe na EP-8504 entre Forno e Cernadas en Valga
A actuación, amais de solucionar a problemática das crecidas do río Louro, permitirá ampliar a plataforma da calzada para promover unha mobilidade segura e accesible
28/01/2023
Tiro de saída ás obras de drenaxe na estrada provincial EP-8504 entre Forno e Cernadas, nas proximidades dos núcleos da Gándara e Rexenxo, de Valga, onde a Deputación investirá 291.000€. O Goberno vén de aprobar o proxecto para executar estas esperadas obras que, amais de solucionar a problemática que ocasionan as crecidas do río Louro, permitirá ampliar a plataforma da calzada para promover unha mobilidade segura e accesible.
As obras inclúen dende a retirada dos elementos da superficie, ata a limpeza e a construción de dous muros de contención. Tamén a demolición dos pasos existentes sobre o río para executar uns novos que mellorarán tanto a capacidade hidráulica como ampliarán a plataforma da calzada para dotala de maior seguridade viaria.
Ademais ordenarase a calzada, engadindo máis espazo para o tránsito peonil e construíndo un itinerario para as persoas e executarase un novo paquete de firme. A actuación completarase con varandas para a protección das persoas, barreiras de seguridade para delimitar o espazo dos vehículos, sinalización horizontal e redutores físicos de velocidade para o calmado de tráfico.
As obras enmárcanse nos traballos que a Deputación de Pontevedra está a impulsar por toda a xeografía provincial para promover unha mobilidade segura e accesible nas estradas da súa titularidade, reformulando conceptualmente as actuacións para poñer o acento nas persoas.