A Deputación adxudica a mellora da ep-9801 Ponte-As Laxes, na Illa de Arousa
A institución destina un orzamento de 265.000 euros á reparación dos 1,2 quilómetros de lonxitude desta estrada provincial
20/05/2023
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria na EP-9801 Ponte-A Laxes, no concello da Illa de Arousa, nas que a institución provincial investirá un orzamento de 265.142€. Tal e como informou en rolda de prensa a presidenta Carmela Silva, os traballos, que abranguerán a reparación da estrada nos seus 1,2 quilómetros de lonxitude, teñen un prazo de execución de tres meses.
A actuación que se vai desenvolver na estrada consistirá na execución de saneos e no fresado dunha franxa lateral da capa de rodaxe existente. Posteriormente, procederase á aplicación dun tratamento superficial e á reposición do firme existente mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente.
Tamén se executarán pasos de peóns sobreelevados e repoñerá a sinalización horizontal e vertical, co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e mellorar a seguridade.