Visitas, obradoiros, contacontos e roteiros para descubrir o castelo de Soutomaior en familia todo o ano

As actividades, enmarcadas na liña argumental de “Orixe Rías Baixas”, comezan o domingo 16 de abril e espállanse ata decembro. Ofértanse 2400 prazas e xa están á venda as entradas na páxina web do Castelo

05/04/2023

Presentación actividades castelo Soutomaior 2023

A deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, informou sobre as actividades que a institución provincial ten previsto realizar este ano no Castelo de Soutomaior. “Unha programación de visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenas e nenos que este ano se enmarcan en ‘Orixe Rías Baixas’”, explicou a deputada, polo que “terán moito que ver coas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia de Pontevedra”. O calendario distribúese en dous bloques: ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ e as visitas teatralizadas. Ofértanse en total para as dúas liñas de actividades 2400 prazas e as entradas xa están á venda na plataforma de venda en liña do sitio web do Castelo, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €).

A deputada de Turismo sinalou que ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ “fará que as familias se acheguen á mitoloxía popular da provincia, aos xogos tradicionais, aos oficios artesanais, aos seres mitolóxicos ou a tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín”. Ofertaranse en total de 360 prazas, 30 por cada unha das actividades desta liña. A programación arrinca o domingo 16 de abril ás 11:30 horas cun obradoiro sobre a mitoloxía popular que explorará a orixe de mitos como a Coca, o Cobregón, o Lobishome, a Galiña de Ouro, a Santa Compaña, a lavandeira, os mouros, os trasnos, o Apalpador ou as meigas. A esta seguiralle, o sábado 29 de abril ás 16:30 horas, unha sesión de contacontos sobre os seres mitolóxicos do Castelo na que as nenas e nenos descubrirán a historia de mouras e mouros ou biosbardos que habitan o Castelo.

O domingo 14 de maio ás 11:30 horas terá lugar un obradoiro sobre o ciclo tradicional do pan no que as persoas participantes replicarán o proceso tradicional de elaboración deste produto e mais o seu universo máxico e simbólico: desde a sega de cereais ata os ritos asociados a eles. A seguinte actividade será o sábado 27 de maio ás 16:30 horas, cun contacontos sobre a tradición e a celebración dos maios onde se darán a coñecer as plantas típicas desta festa e as familias poderán crear un pequeno maio.

O sábado 3 de xuño ás 16:30 horas a Deputación organiza un obradoiro e roteiro familiar para coñecer o bosque do Castelo segundo a estación: as súas cores, as súas formas, as súas texturas e as especies que habitan nel, así como as propiedades e os beneficios que teñen as árbores e demais especies vexetais da contorna. As actividades continúan o domingo 18 de xuño ás 11:30 horas cun roteiro sobre as sete herbas tradicionais de San Xoán: os seus beneficios, os seus usos, as lendas arredor desta tradición… Trátase dunha actividade para difundir o respecto pola natureza e coñecer a biodiversidade autóctona da provincia e todo o que achega no día a día, e nela as persoas participantes elaborarán saquiños aromáticos para uso cotián.

Nos meses de verán, o sábado 15 de xullo celebrarase un día en familia con dous obradoiros. O primeiro deles, sobre xogos tradicionais, onde descubrir a orixe da buxaina, das bolas… E outro chamado ‘As cucañas’ no que se instalarán distintos postos onde as e os participantes poderán ir coñecendo cada xogo, a súa tradición e como se xoga. O domingo 6 de agosto ás 11:30 horas será a quenda dun obradoiro sobre os oficios artesanais no que se observará como era a economía tradicional galega. As familias converteranse en artesás e traballarán co liño, co barro ou a lá, e resolverán problemas de iluminación con recursos naturais como a cera. O sábado 19 de agosto ás 11:30 horas terá lugar un obradoiro infantil de cociña no que elaboraremos queixo fresco para recuperar a tradición da antiga queixería que existía no Castelo na época de María Vinyals.

Xa de cara ao outono, o sábado 2 de setembro ás 11:30 horas o Castelo acollerá un novo obradoiro no que as nenas e nenos se converterán en vendimadores percorrendo os viñedos do Castelo, colleitando as distintas variedades de uva da súa plantación e pisándoas para elaborar mosto. As últimas dúas actividades da programación celebrarán dúas efemérides sinaladas na cultura galega tradicional: o Samaín e o Magosto. O sábado 28 de outubro ás 16:30 horas será a quenda do Samaín cun obradoiro no que as familias coñecerán as árbores e froitos “de defuntos”, a Santa Compaña, as pantallas, os ósos e o ciclo escuro do ano. E, por último o sábado 4 de novembro terá lugar un roteiro polo bosque da fortaleza para recoller castañas e despois celebralo cun verdadeiro Magosto.

Ademais, Ana Laura Iglesias tamén deu a coñecer a programación das visitas teatralizadas do Castelo de Soutomaior, que, ao igual que ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ “estarán centradas no patrimonio cultural inmaterial da provincia” e nas que, con excepción das reservadas unicamente a persoas adultas, “poden participar nenas e nenos a partir dos tres anos”. A Deputación organiza en total 68 sesións, con 30 prazas en cada unha, polo que poderán participar ata 2040 persoas. As actividades terán lugar os luns e os venres de xullo e de agosto ás 11:30 horas e ás 19:00 horas, e terán versións temáticas por Samaín e polo Nadal. As visitas de Samaín para persoas adultas serán os venres e os sábados de outubro ás 20:00 horas; e as infantís os sábados e domingos de outubro ás 11:30 horas e ás 16:30 horas. Por último, do 6 ao 10 de decembro celebraranse as visitas teatralizadas de Nadal.

Enlaces de interés

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.