“’Acorda’ xentiña nova, canta e fai resoar a memoria”

A Deputación acolleu hoxe a presentación do libro disco ‘Acorda’, unha ‘cartografía musical da memoria histórica na provincia’ que será repartido polas bibliotecas e centros de ensino da provincia

28/05/2022

Presentación de 'Acorda'  

"Ai, Acorda, Acorda, Acorda; Ai 'Acorda' xentiña nova, canta e fai resoar a memoria". Ese foi o retrouso da peza que hoxe cantou todo o público do Salón de Plenos da Deputación na presentación do libro disco 'Acorda', unha canción de Uxía e Sheila Patricia que coincide co obxectivo da publicación que se estreaba: achegar á cidadanía, en concreto á xente moza, os feitos que aconteceron durante a ditadura franquista na provincia de Pontevedra.

Na estrea ante o público do libro-disco estiveron presentes a presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Memoria Histórica María Ortega, ademais da escritora Montse Fajardo, a fotógrafa Alba Díaz, o escritor e guionista Lois Pérez, e as cantautoras Uxía e Sheila Patricia.

A publicación do libro supón pasar a formato físico o documental 'Acorda', a peza audiovisual que xa se estreou o pasado, textos explicativos, e fotografías do 'como se fixo' todo ese traballo documental. Tamén inclúe os vídeos gravados por Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido en ubicacións simbólicas de memoria, gravacións que durante a súa divulgación nas redes sociais da Deputación no pasado mes de abril chegaron a máis de 100.000 visualizacións.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega explicou que a "teima" do departamento de Memoria da Deputación "é levar a cabo accións que perduren no tempo, e Acorda é o exemplo. Pretendemos que a memoria permaneza, que fique máis alá dun acto concreto, máis alá de nós. Por iso convertemos en vídeos as cancións interpretadas nos lugares do terror; e eses vídeos en documentais que proxectar en centros de ensino e culturais da provincia, e de fóra dela".

A nacionalista explicou que todo o material está recollido en dous USB e un libro para que sexa posible a libre visualización "porque só explicando o fascismo lograremos combatelo". "Non cesaremos no intento de achar a fórmula: cómic, teatro, música en directo ou nun USB. Todo nos vale na teima de rachar contra o silencio, acubillado nos lugares e nas xentes; para sumarnos a esas familias que quixeron rompelo no peor dos tempos".

A presidenta Carmela Silva, pola súa banda, subliñou que o proxecto 'Acorda', que agora se resume no libro-disco, supón "levar a palabra ao silencio, e encher o silencio e cultura que é capaz de converter o que se oculta en luz". Salientou que se trata de una iniciativa liderada por "mulleres valentes, rexas e fortes que se alían para levar adiante cousas capaces de cambiar o mundo fronte ás barbaridades que se ven día día" e "falar alto para que nada quede no olvido". "Esas lideresas son María Ortega, Montse Fajardo, Uxía, Sheila Patricia, Alba Díaz e moitas máis... Que sorte ter mulleres así", insistiu.

Un percorrido polos lugares da memoria na provincia

A escritora e asesora de Memoria da Deputación Montse Fajardo explicou que 'Acorda' é unha proposta que inclúe lugares simbólicos da provincia. Destacou que fíxose un percorrido que comezou en Pontevedra, na antiga Escola Normal onde a República formaba o profesorado e que tralo golpe se converteu en cárcere; pasou por A Estrada para falar de represión, e amosar que onde non se permitía falar xurdía o aceno resistente da xente que levaba flores ao cemiterio para poñerllas aos asasinados; e por Marín denunciando a represión con perspectiva de xénero e falando das mulleres asasinadas por seren solidarias.

O percorrido, seguiu Fajardo, continuou por Cangas para homenaxear ás viúvas que nunca puideron chorar os seus mortos; por Alcabre, para falar das familias que tiveron que saír adiante sen ter o sustento principal da familia; pola Volta dos nove, para sinalar como no peor dos tempos a xente mantiña a memoria lembrando con cruces no chan ás persoas que alí foran asasinadas; por Guillarei para falar do traslado interxeneracional da memoria; e finalmente por San Simón como lugar memorialístico para reivindicar unha sociedade mellor.

Pola súa banda, a fotógrafa Alba Díaz, responsable das imaxes do 'como se fixo' do documental, publicadas no libro disco -e que conforman a exposición sobre Acorda que está a itinerar pola provincia-, manifestou a súa alegría por ver as súas fotografías no novo formato. Subliñou que amosan "o bo ambiente" da gravación do documental e o desenvolvemento do proxecto. "Non foi casualidade a selección do perfil das persoas que participaron, e niso ten moito que ver a dirección artística", subliñou. Díaz tamén quixo salientar a importancia das mulleres no proxecto Acorda, tanto como protagonistas da historia que se narra, como como intérpretes da música do documental.

Por outra banda sinalou que as fotografías son o mapa das feridas da represión franquista para que a xente nova coñeza. "Proxectos como Acora si poñen no mapa unha provincia, e non outro tipo de personaxes paseando a súa impunidade por esta provincia e este país", sentenzou.

O guionista do documental Lois Pérez quixo poñer en valor que co libro-disco se fixe por escrito os contidos do documental Acorda como unha continuación. Insistiu na importancia de que as novas xeracións teñan dereito a coñecer o fascismo franquista e a posibilidade de fecelo abrindo un libro como o editado nas bibliotecas e centors de ensino. "Así poden ver a importancia do pasado que se truncou no país, como tan ben se conta no libro 'O Pasado Por Vir', gozando ao tempo das voces das mellores artistas galegas, de fotografías, dos vídeos e de textos que ilustran a xeografía da dor que quedou rexistrada".

Finalmente, Uxía, directora artística do documental 'Acorda' quixo lembrar a todas as persoas implicadas no traballo e subliñou que a peza tivo un grande no Ourense Film Festival e en 'Cineuropa', ademais de estar percorrendo tamén os concellos da provincia. Neste sentido animou ás asociacións a solicitar as visualizacións 'en comunidade' á Deputación.

"A xustiza é reparadora, pero a música é bálsamo e ten poder transformador. É unha alegría que o documental por fin teña un formato físico para que o coloquedes en lugar preferente na casa, que serva para preservar e falar de memoria de xeración en xeración", subliñou.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.