As actividades formativas do programa da Deputación “Conectadas” continúan esta semana en catorce concellos da provincia

Un total de 350 mulleres de vinte entidades comezarán cursos de poda, ximnasia hipopresiva, teatro, alfabetización dixital, risoterapia, taichí artesanía ou pilates, entre outros

23/09/2023

Un total de 350 mulleres de asociacións de catorce concellos da provincia comezan a próxima semana vinte novas accións formativas enmarcadas no programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de accións formativas que este ano se desenvolverán en 53 concellos e contarán coa participación de máis de 4.000 usuarias.

O luns 25 darán comezo catro accións. Doce mulleres da Asociación de Veciños San Mamede de Torroso, en Mos, iniciarán un curso de poda e tarefas do campo desde a sostibilidade; dezaoito mulleres da Asociación Cultural Deportiva Saliceta de Salceda de Caselas, un de ximnasia hipopresiva; vinte integrantes da Asociacón de Mulleres Rurais Mar e Agro de Bueu, outro de teatro; e vinte e cinco  mulleres da Asociación de Féminas en Acción de Vilanova de Arousa outro de pilates.

O martes 19 será a quenda de dez novos obradoiros. Neste caso, vinte e tres mulleres da Asociación Española Contra o Cancro de Bueu comezarán o curso Coidar Coidándonos; dezaseis persoas da Asociación de Veciños de Corrigatos de Moraña e outras dezaseis da Asociación de Veciños de Santa Cristina de Cobres participarán no de alfabetización dixital; vinte e cinco integrantes da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras de Mos iniciarán unha actividade de ximnasia hipopresiva; vinte e dúas mulleres da Asociación Española Contra o Cancro de Mos comezarán o curso de risoterapia; vinte persoas da Asociación Cultural Candelas de Portas o de taichí; dezaseis mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Matalobos na Estrada e outras doce da Casa Santa María de la Esperanza Esclavas de la Virgen Dolorosa o de pilates; e catorce persoas da Asociación de veciños Barrio de Saramagoso de Redondela iniciarán unha acción formativa sobre pintura. 

O mércores 20, catorce mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Castro Valente da Estrada comezarán un curso de ioga e outras doce da Sociedade Cultural do Viso en Redondela unha acción formativa de artesanía en coiro. Pola súa banda o xoves comezarán o seu curso de pintura quince mulleres da Asociación Santa Isabel de Silleda.

Finalmente, o sábado 30 de setembro comezarán as súas accións formativas tres asociacións da provincia. Quince mulleres da Asociación O Abeiro de Marín e outras vinte e catro da Asociación de Veciños Cultural e Deportiva de Lourido, en Poio, iniciaranse no sendeirismo. Ademais, outras catorce mulleres da Asociación Amas de Casa Témporas de Agolada comezarán un curso para aprender a realizar artesanía en coiro.

Este ano participan en “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia. Os colectivos puideron escoller entre trinta obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: Emprende, iniciativas sostibles para o emprego; ExpresARTE; Conéctate; O teu momento. Coidado e benestar; e Sementa sostibilidade. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre homes e mulleres e teñen unha duración de 35 horas.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.