A ‘tecnoloxía’ prehistórica e a arqueoloxía experimental, eixos das actividades do día da Arte Rupestre no Museo

O Edificio Castelao acollerá o 5 de outubro dous obradoiros dirixidos a centros escolares e outro para familias

30/09/2022

Arte Rupestre  

O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Europeo da Arte Rupestre -que se conmemora oficialmente o 9 de outubro- cunha programación que busca trasladar á cidadanía a importancia da arte rupestre en Europa e, especialmente, na Galiza. Por unha banda, unha conferencia achegará información sobre os últimos achados de pintura rupestre esquemática no país, mentres que varios obradoiros permitirán ás nenas e nenos coñecer mellor o modo de vida do ser humano no Paleolítico.

As actividades arrancarán o mércores 5 de outubro coa celebración de varios obradoiros sobre tecnoloxía prehistórica e arqueoloxía experimental a cargo do arqueólogo e responsable de actividades das Covas Prehistóricas de Cantabria, José Aurelio García Munúa. Pola mañá celebraranse dous obradoiros dirixidos a centros escolares. 'A natureza, o supermercado da Prehistoria' axudará ao alumnado a valorar o coñecemento das persoas do Paleolítico sobre a natureza e como obtiñan recursos dela sen modificar a súa contorna. No obradoiro 'O primeiro graffiti' a rapazada achegarase aos procedementos das e dos artistas paleolíticos e comprenderá o proceso intelectual que hai detrás da concepción e o deseño dos útiles de pintura.

O mesmo mércores 5 ás 17.30 horas terá lugar un novo obradoiro dirixido a familias con crianzas a partir de 8 anos. Titúlase 'Pel para vestir e moito máis' e explicará como a caza era no Paleolítico superior un recurso de primeira orde, no que se aproveitaba integramente as pezas cazadas. Para iso as persoas adultas e menores participantes montarán un bastidor cunha pel de cervo. Este obradoiro será aberto ao público, realizando a inscrición a través do correo electrónico educacion.museo@depo.gal.

As actividades do Día Europeo da Arte Rupestre continúan o martes 11 de outubro ás 19.00 horas coa conferencia 'Investigacións sobre o contexto da pintura rupestre esquemática no noroeste peninsular', a cargo da arqueóloga e profesora Beatriz Comendador.

A especialista tomou parte de varios proxectos de investigación arqueolóxica na área transfronteiriza do val do Támega e dirixiu a investigación do xacemento de Penedo Gordo (Vilardevós) e a do conxunto arqueolóxico da Cidá das Laxes das Chas/Castelo de Lobarzán (Monterrei), dous dos catro sitios onde se ten atopado arte esquemática pintada en Galicia. Esta palestra ten como obxectivo achegar ao público o fenómeno da pintura rupestre postpaleolítica, así como contextualizar estes achados nunha visión integrada transfronteiriza, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre peninsular.

O Día Europeo da Arte Rupestre celébrase o 9 de outubro, data que precisamente coincidirá coa clausura da mostra 'Arte rupestre. Da rocha ao Museo', que se exhibe no Edificio Castelao. Esta exposición recorda as primeiras iniciativas de difusión da arte prehistórica e constitúe unha boa oportunidade para comprender como a Prehistoria se converteu nunha disciplina científica e como se deu a coñecer por primeira vez ao público xeral nas primeiras décadas do século XX .

Galerias de imagenes