A provincia supera neste mes de xullo os datos anteriores á pandemia cun 78% de ocupación hoteleira

Carmela Silva: “A provincia está de moda. É un paraíso, unha marabilla. Temos que estar moi satisfeitas e satisfeitos por acadar en xullo os mellores resultados de Galicia, superando os rexistros do 2021 pero tamén os do 2019”

29/07/2022

Cunha media do 78% os resultados de ocupación hoteleira media na provincia de Pontevedra neste mes de  xullo superaron aos rexistrados o pasado ano 2021 e incluso os de xullo de 2019.  “A provincia–manifestou a presidenta Carmela Silva- está de moda. É un paraíso, unha marabilla. Temos que estar moi satisfeitas e satisfeitos por acadar en xullo os mellores resultados de Galicia”. A presidenta provincial adiantou que tamén, segundo os datos do Observatorio de Turismo da Deputación, está previsto que en agosto a ocupación media ascenda ao 81% en establecementos hoteleiros e supere o 78% en aloxamentos de turismo rural.

A comarca de Vigo liderou os datos da provincia cun 80% de ocupación en establecementos hoteleiros, (3 puntos máis que en xullo de 2021), seguida do Salnés un 76% (2 máis), O Morrazo un 73% (3 puntos menos), a comarca de Pontevedra un 72% (1 máis), O Baixo Miño un 70,5% (medio punto máis), as comarcas do Condado e A Paradanta un 69,4 (16,4 puntos máis), a comarca de Caldas un 68% (18 máis); e as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 60% (5 puntos máis). Por concellos turísticos, Vigo rexistrou o 83% (2 puntos máis que en xullo de 2021), Baiona o 81% (un máis), Sanxenxo o 80% (3 puntos máis), Pontevedra o 77% (11 puntos máis) e O Grove o 71% (2 máis que en xullo de 2021).

En canto ao turismo rural, “os datos son tamén moi positivos”. Así Carmela Silva detallou que a porcentaxe media provincial ascendeu ao 76%, o que supón un incremento de tres puntos con respecto a xullo do 2021 e a mesma suba con respecto a 2019. Neste caso, as casas rurais do Baixo Miño acadaron un 86% de ocupación (igual que no 2021), no Morrazo foi do 85% (1 máis), na comarca de Caldas do 81% (2 menos), no Condado e A Paradanta do 75% (2 menos), na comarca de Pontevedra do 74% (7 puntos máis), no Salnés do 70% (6 máis), na comarca de Vigo do 66% (igual) e en Deza e Terra de Montes do 64% (6 puntos máis).

Tamén informou a presidenta dos resultados rexistrados nos cámpings da provincia, onde a ocupación superou o 70% (9 puntos máis que no 2021), destacando a área de Vigo con máis do 83%, a do Morrazo que rozou o 80% ou a do Salnés que chegou ao 74%. No que respecta ás vivendas turísticas a media na provincia de Pontevedra foi do 83% (máis que o rexistrado no 2019 e 2021). Neste caso destacan Sanxenxo, acadou o 83%; Pontevedra e Vigo con porcentaxes por riba do 80% e Bueu, Cangas, O Grove, Poio, Baiona e Illa de Arousa co 79%. Cabe resaltar o incremento da ocupación nesta modalidade de aloxamento nos destinos do interior como Lalín e A Estrada que superaron o 75%.

En canto aos Castelos, este mes de xullo Soutomaior “superou todos os rexistros. Falamos de 6.305 persoas, 1.048 máis que as que o fixeron en xullo de 2021, que se tiña convertido no mellor dos últimos anos, e tamén superando os resultados de 2019”. Pola súa banda o castelo de Sobroso foi visitado por 1.143 persoas.

No que respecta ao perfil das persoas que visitaron as oficinas de turismo da rede provincial, o 85% proveñen de España (Madrid, Barcelona, Biscaia e Valladolid) e o 15% do estranxeiro (Portugal, Francia, Alemaña, Reino Unido e Estados Unidos). O 45% con idades entre os 35 e 60 anos, cunha estancia media maioritaria de entre 7 e 15 días e acoden á provincia motivados pola súa oferta cultural, enogastronómica e de ocio.

Estimacións agosto 2022

“Esperamos –asegurou Camela Silva- un agosto con moita afluencia turística na provincia sempre que non concorran circunstancias extraordinarias”.  Nestes momentos, tal e como adiantou, está pechada unha ocupación hoteleira do 81% de media. Por comarcas agárdase que a comarca de Vigo chegue ao 83%, O Morrazo ao 83%, O Salnés, O Baixo Miño e a comarca de Caldas ao 80%, a comarca de Pontevedra rexistre entre o 78 e o 80%, as comarcas do Condado e da Paradanta o 71% e as de Deza e Terra de Montes o 68%. No que respecta aos concellos Vigo espera un 83% de ocupación hoteleira, Sanxenxo un 82%, Baiona un 81%, Pontevedra entre o 77 e 78% e O Grove o 72%.

En canto ao turismo rural a estimación provincial é do 78%. Por comarcas O Baixo Miño agarda o 94%, O Salnés o 82%, Pontevedra o 79%, O Morrazo o 77%, as comarcas de Caldas e do Condado e da Paradanta o 76%, a comarca de Vigo o 74% e as de Deza e Terra de Montes o 73%. Por riba do 80% situarase a ocupación nos cámpings, con porcentaxes que superarán o 90% no Morrazo e rozarán esta cifra no Salnés e en Vigo. Ademais, nas vivendas turísticas agárdase superar a media de ocupación de xullo do 2022, que foi do 83%.

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.