A provincia de Pontevedra bate records e pulveriza en agosto os datos turísticos de 2021 e os da prepandemia

O destino Rías Baixas revalida o seu liderado como bastión do turismo en Galicia cunha espectacular media de ocupación do 91%

02/09/2022

Rolda de prensa  

O destino Rías Baixas superou en agosto todas as expectativas de afluencia turística e pulverizou récords históricos de visitantes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu conta esta mañá da ocupación na provincia durante o pasado mes, que alcanzou un espectacular 91% de media, o que supón un incremento dun 8% respecto a agosto de 2019, o último ano antes da pandemia; e de 2021, ambos pechados cun 83%. "Falamos do mellor agosto dos últimos anos na provincia, un agosto histórico, no que todas as comarcas superaron os seus resultados", subliñou a responsable provincial, para destacar que "se os datos anteriores xa eran estratosféricos, practicamente é imposible superar esta nova cifra".

Por comarcas a porcentaxe máis elevada acadouse na de Vigo, cun 94,1% de ocupación e un incremento de 7 puntos respecto a 2021 e 2019. A continuación situáronse O Morrazo e O Salnés, tamén por riba do 90%. "Todas as comarcas superaron os rexistros de 2021 e prepandemia", salientou a presidenta, para destacar que os datos acreditan que "somos o bastión do turismo en Galicia, a provincia máis visitada, e un dos grandes destinos turísticos de España". A ocupación por comarcas foi a seguinte:

Comarca Agosto 2022 (%) Incremento sobre 2021/ 2019 (%)
Vigo 94,1 7 / 7
O Morrazo 90,4 1 / 4
O Salnés 90,2 2 / 2,2
Pontevedra 89,5 4,5 / 3,5
Baixo Miño 89,1 2 / 2
Caldas 83,4 2 / 7
Deza - Tabeirós 77,4 3,5 / 6,4
Condado-Paradanta 76,6 3,6 / 2,6

 

En canto aos concellos máis turísticos destaca especialmente a ocupación da cidade de Vigo, cunha media do 94,6% e que chegou ao 100% durante O Marisquiño e San Roque, segundo explicou a presidenta da Deputación; seguida de Baiona, Sanxenxo, O Grove e Pontevedra, outros catro grandes polos turísticos da provincia:

Concello Agosto 2022 (%) Incremento sobre 2021/ 2019 (%)
Vigo 94,6 (100% O Marisquiño e San Roque) 5,6 / 7
Baiona 93 3 / 3
Sanxenxo 91,4 2,5 /1,4
O Grove 90,7 3,5 / 4
Pontevedra 86,2 4 / 9

 

O turismo rural rexistrou igualmente unha elevadísima ocupación, con Caldas, O Morrazo e Baixo Miño á cabeza. A presidenta resaltou que os datos neste tipo de aloxamento foron "espléndidos". Estes foron os resultados por comarcas:

Comarca Agosto 2022 (%) Incremento sobre 2021/ 2019 (%)
Caldas 98,7 Sen cambios / 7,3
O Morrazo 98,6 1 / 6,6
Baixo Miño 96,5 1 / 5
Pontevedra 89,6 Similar a 2021 / 9
O Salnés 89,5 4,2 / 0,5
Condado - Paradanta 89 3 / 7
Vigo 87 2 / 13
Deza - Tabeirós 82,6 2,2 / 11

 

Campings e vivendas turísticas

Carmela Silva explicou que nos cámpings a ocupación media provincial alcanzou en agosto o 82,4% , o que supón 12 puntos máis que en agosto de 2021 e 7,5 puntos máis que en 2019. Neste apartado destacan os resultados da comarca do Morrazo, cun 91% de ocupación; e das comarcas de Vigo e o Salnés, cun 89%.

A presidenta ofreceu os datos das vivendas turísticas, nas que se chegou practicamente ao "cheo total", explicou. "Acadouse un 99% na provincia, co 100% en localidades como Sanxenxo, Vigo, Baiona, Pontevedra, Poio ou Cangas e o 95% en cidades como Vilagarcía, Marín ou Vilaboa", detallou, e cualificou os resultados neste ámbito de "excepcionais".

Récord de visitas aos castelos

As expectativas previas ao verán tamén se cumpriron nos castelos da provincia, que obtiveron un número "histórico de visitas", comentou Carmela Silva. "Soutomaior xa superara en xullo todos os rexistros incluso de prepandemia, e en agosto bateu o seu récord con 8.240 visitantes, o mellor dato da súa historia", explicou. A mesma dinámica viviuse no musealizado castelo de Sobroso, que rompeu coas previsións ao recibir en agosto a visita de 1.793 persoas, o dobre que en xullo.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.