A provincia de Pontevedra, mellor destino de calidade turística de toda España
A presidenta da Deputación Carmela Silva recolle en Fitur o galardón que premia a Rías Baixas pola súa calidade turística: “É un feito excepcional, froito dun traballo colectivo co sector e os concellos, que temos que valorar de forma moi importante”
20/01/2022
A provincia de Pontevedra foi hoxe a gran protagonista na entrega dos XII Premios Nacionais SICTED ao ser escollida como o mellor destino de calidade turística de toda España, “un recoñecemento extraordinario que temos que valorar de forma moi importante”, manifestou unha emocionada Carmela Silva ao recibir o galardón, no Centro de Convenciones de Fitur, de mans do Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.
O Premio á Deputación e a Rías Baixas “polo o seu esforzo e traballo e polo seu compromiso en favor dos servizos turísticos e do destino en xeral, así como o impulso do proxecto dentro do territorio”,converte así a Pontevedra Provincia no único destino galego en recoller un Premio, o primeiro entre os 19 que conseguiron este ano un galardón. “Sempre tivemos claro que a calidade tiña que ser un dos nosos grandes obxectivos en materia de xestión turística do destino desta provincia e estamos a ver os froitos desta firme aposta” sinalou a presidenta da Deputación. “É un feito excepcional, froito dun traballo colectivo co sector turístico e os concellos que, amais, se suma a que o pasado ano recibimos xa o galardón á mellor técnica de xestión SICTED de España”. A Deputación de Pontevedra, tal e como destacou Carmela Silva, é unha das administracións máis veteranas na xestión do SICTED, “e a nosa provincia lidera no estado o número de establecementos con este distintivo de calidade. Son xa 302 e agora estamos a traballar con 350 empresas de toda a provincia e todos os subsectores relacionados co turismo, polo que este premio é un enorme recoñecemento tamén a todos eles”.
O sistema integral de calidade está aliñado co Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, que marca entre os seus obxectivos a mellora da competitividade do destino e contempla accións encamiñadas a espallar o compromiso coa calidade en eidos como a sostibilidade e a dixitalización. Neste eido a Deputación está a impartir formación convencional específica e a sensibilizar ao sector para prestar un servizo óptimo, de calidade, innovador e sostible.