“Orixe Rías Baixas” a “potente” campaña promocional para 2023 coa que a deputación sorprenderá en Fitur

Carmela Silva: “Imos a por todas, queremos que a xente mire cara nós, sorprendela, que desexe vir á provincia a vivir a Orixe, unha homenaxe ás nosas xentes, á nosa historia, a todo aquilo que fomos capaces de construír para ser unha sociedade avanzada, auténtica e única”

10/01/2023

rolda de prensa Fitur 2023

“Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”. Con este lema, a Deputación dá o tiro de saída á súa presenza na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que terá lugar entre o 18 e o 22 de xaneiro no recinto madrileño de IFEMA. A presidenta Carmela Silva vén de anunciar unha “potente” programación que abrangue o lanzamento da campaña promocional coa que a institución “volverá sorprender amosando o orgullo de pertencer a unha terra na que vivir experiencias, culturas e tradicións únicas”. Xunto á presentación da campaña, a Deputación contará por vez primeira cun stand promocional en Fitur Screen e tamén divulgará o proxecto de turismo deportivo no I Fitur Sport Tourism Summit. Amais, a delegación da institución provincial asistirá á Gala Q de calidade, na que amais de revalidar os distintivos acadados en anos anteriores, o Museo de Pontevedra recollerá o primeiro galardón Q que se concede a un museo en Galicia.

“Imos a por todas –asegurou a presidenta Carmela Silva- queremos que a xente mire cara nós, sorprendela, chamar a súa atención, facer que desexe con todas as súas forzas vir á provincia a vivir a “Orixe”, as nosas xentes, a nosa historia, todo aquilo que fomos capaces de construír ao longo de centos de anos e hoxe nos trouxo ata aquí e fai que sexamos unha sociedade tan avanzada, tan auténtica e única”, porque Carmela Silva amosou o seu convencemento de que “se o ano 22 foi estratosférico no sector turístico da provincia o 23 será planetario”.

“Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”

A presentación de “Orixe Rías Baixas” terá lugar na tarde do xoves 19 no stand de Turespaña, no auditorio Ágora do pavillón 9 de Ifema. Será un acto “espectacular, cunha posta en escena especial, única e valente, a mellor, a máis emocionante, divertida, sensorial, a que máis vai sorprender, cun final moi especial e na que contaremos, como cada ano, cunha artista convidada para conducir o noso evento e que, nesta ocasión, será a artista multidisciplinar Julia de Castro, protagonista de Orixe”. Tanto Julia de Castro como a presidenta empregarán na presentación da campaña vestimentas e complementos feitas e feitos por persoas artesáns da provincia, “porque Orixe ten moito que ver coas tradicións e queremos presumir de que a cultura que herdamos hoxe existe no presente, con moitas artesás e artesáns que nos referencian”.

O audiovisual principal da campaña, que se completará con outros como o elaborado en Carboeiro coa participación de “Nova Danza Galega”, é un vídeo “moi de relato, de amosar o noso territorio, a nosa cultura, a nosa paisaxe, as nosas tradicións, a nosa forma de vivir, de sentir, un audiovisual baseado nas persoas, na nosa xente, que invita a conectar coa nosa cultura, coa nosa riqueza etnográfica, a nosa tradición, a nosa marcada identidade local, cantos, oficios tradicionais, celebracións, festas de interese turístico, patrimonio inmaterial, rituais case milenarios ou a transmisión oral tan potente coa que contamos. O audiovisual visibiliza tamén “como o territorio marca profundamente a nosa cultura e personalidade, facendo unha homenaxe ao que fomos, ao que somos e ao que seremos, conectando co máis íntimo de nós”. De feito a peza emprega unha tipografía que é “un recoñecemento e posta en valor dos elementos que saíron do “Laboratorio de Formas”, impulsado por un grupo de persoas galeguistas na metade do século XX, que ademais se replicaron na nosa cerámica e artesanía, que aínda hoxe perviven e nos identifican como país”. “Superarse cada ano non é fácil –manifestou Carmela Silva- pero temos a sorte de contar na provincia con empresas como Esmerarte, coa que traballamos nunha mesma visión do territorio e nos facilita ser novidosa”. O acto de presentación da campaña, “que contará cun final sorprendente”, complementarase coa entrega dun agasallo “boutique”: un caderno de viaxe con propostas de calendario e imaxes dos eventos máis importantes que se desenvolven na provincia de Pontevedra.

A provincia en Fitur Screen e I Fitur Sport Tourism Summit

A axenda en Fitur complementarase coa presentación do destino como plató de cinema o mércores 18 de xaneiro. A presidenta detallou que a institución participará por vez primeira en Fitur Screen, cun stand propio no pavillón 8, onde se dará a coñecer a Pontevedra Provincia Film Commission. Neste espazo divulgarase un vídeo promocional, que será levado ao longo do 2023 a feiras, festivais de cinema, eventos sectoriais nacionais e internacionais, onde “imos amosar toda a nosa riqueza, que podemos albergar calquera tipo de produción audiovisual e converternos no escenario soñado e desexado para gravar filmes, series e documentais”. Amais da peza audiovisual tamén se dará a coñecer a nova páxina web da Pontevedra Provincia Film Commission, “unha web específica pensada para localizadoras, plataformas e produtoras”.

O xoves 19 de xaneiro ás 17.30 horas terá lugar a presentación do proxecto de turismo deportivo da Deputación no marco do I Fitur Sport Tourism Summit, no pavillón 10. “A provincia–asegurou a presidenta- é unha referencia en moitos deportes e en moitas actividades vinculadas ao turismo deportivo. Por iso queremos lanzar un potente vídeo que ten como protagonistas a diferentes deportistas e presenta espazos únicos onde se poden practicar numerosas disciplinas, así como as experiencias que aquí se poden vivir e a gastronomía da que desfrutar”.  Neste eido a presidenta recordou que “no 2021 o turismo deportivo en España xerou un gasto de 2.416 millóns de euros, move a milleiros de persoas e xera moitos recursos económicos”.

Gala Q de Calidade

Tamén o xoves, 19 de xaneiro a partir das 20.00 horas, a delegación  da Deputación asistirá á Gala Q de Calidade, no Palacio de Cibeles. A presidenta explicou que, acompañada do  vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e do director do Museo, José Manuel Rey,“recolleremos a Q de calidade para o Museo de Pontevedra, que se converte no primeiro museo galego en ter o distintivo”. Tamén, renovan o galardón todas as oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas que a obtiveron o pasado ano xunto ao castelo de Soutomaior.

Potente campaña de comunicación

A Deputación porá en marcha xa desde o próximo luns unha potente campaña de comunicación do destino en Fitur a todos os niveis, local, galego e estatal, con cuñas nas principais emisoras de radio. O martes publicarase o primeiro anuncio en xornais, onde se detallará toda a programación da Deputación en Fitur e incluirá un código QR para seguir o xoves a presentación da campaña. O venres 20 de xaneiro, no especial de Fitur en El Viajero de El País, tamén terá presenza a nova campaña da Deputación e, finalmente, durante a feira, a institución estará en todas as radios estatais.

Galerias de imaxes

videos

audios

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 26 resultados.