A presidenta enxalza no “Foro Galego Local pola Axenda 2030” o poder transformador do municipalismo e o seu compromiso cos ODS
A presidenta abriu o “Foro Galego Local pola Axenda 2030” co que se pecha a acción formativa “Galicia 2030: Programa de Formación e Implantación da Axenda 2030 e os ODS en Galicia” impulsada pola FEGAMP e a UNED
03/06/2022
A presidenta da Deputación vén de marcar o tiro de saída ao "Foro Galego Local pola Axenda 2030", co que a UNED e a FEGAMP poñen o broche de ouro á acción formativa "Galicia 2030: Programa de Formación e Implantación da Axenda 2030 e os ODS en Galicia", remarcando o poder transformador do municipalismo e o seu firme compromiso cos ODS. "Non haberá no 2030 consecución dos ODS -asegurou- sen o compromiso do mundo local que, teña ou non competencias, é quen vai por diante e está a liderar os retos da Axenda 2030. É o verdadeiro protagonista dos cambios, o que ten a capacidade de transformar", asegurou a presidenta na apertura do encontro no que tamén se deron cita o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o director da UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González.
Carmela Silva, quen participou como vogal da Rede de Entidades Locais pola Axenda 2030 da FEMP nomeada polo seu presidente, José Hila, alcalde da Palma, falou do "Valor da acción local na consecución dos obxectivos da Axenda 2030" ante un auditorio da UNED integrado por persoal técnico e responsables políticos de administracións locais galegas. A presidenta ofreceu unha visión global sobre os ODS facendo fincapé en que o seu cumprimento está estreitamente relacionado co compromiso do mundo local e instando tanto á Unión Europea, como ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia "a contar moito máis con nós xa que sen nós non se producirán as grandes transformacións que persegue a Axenda 2030. Somos a política que impulsa, que transforma, que cre no cambio. Contamos con ideas extraordinarias que están a cambiar a vida da xente para mellorala". Recordou tamén que xa antes da aprobación da Axenda 2030 no ano 2015 "o mundo local estaba implantando iniciativas transformadoras. Somos as administracións da proximidade, as que coñecemos mellor o territorio e o que está a pasar con cada unha das cuestións ás que pretenden dar resposta os ODS".
A presidenta referiuse ao papel da Deputación explicando que "dende que comezamos a gobernar, xusto no 2015, involucrámonos coa Axenda 2030 dende o primeiro momento. Fixemos unha análise que nos serviu para tomar decisións e poñer en marcha medidas que nos permiten afirmar que a día de hoxe xa cumprimos co 91% dos ODS. Imos seguir traballando porque queremos cumprir o 100%". Tamén mencionou a "procura da complicidade cos concellos" mediante a creación dunha rede "na que están adheridos 51 dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que están a desenvolver grandes proxectos transformadores e traballando arreo para conseguir estes obxectivos". E, por riba de todo, situou ao ODS5, da igualade de xénero, "como o máis relevante xa que as mulleres somos o 52% do mundo e a maioría de cuestións nas que afondan os obxectivos teñen nome de muller. Así que se non se cumpre este obxectivo non se cumprirá ningún ODS". Ademais fixo fincapé na necesidade de aliñar os orzamentos cos ODS: "na Deputación de Pontevedra levamos tres anos facéndoo e apostando por espallalos de xeito transversal, apostando por comprometer cos ODS ao funcionariado e ás persoas que dirixen a política".
A presidenta tamén quixo felicitar á FEGAMP e á UNED polo seu traballo conxunto para poñer en marcha o "Foro Galego pola Axenda 2030", "o que exemplifica o ODS 17, as alianzas para lograr os obxectivos, onde temos que estar o sector público, privado, a academia, as ONGD, os colectivos sociais e o conxunto da sociedade para acadar as transformacións". Algo tamén no que incidiu o director da UNED, Víctor Manuel González, quen situou ao encontro como "un exemplo da conxunción de diferentes entidades, o que sempre leva a efectos públicos con moi bos resultados".
Pola súa banda, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, destacou o papel clave da Deputación, á que situou como "a administración local máis preocupada pola Axenda 2030" e fixo fincapé no compromiso dos concellos cos 17 ODS asegurando que "sete de cada dez veñen desenvolvendo dende fai anos políticas públicas relacionadas cos obxectivos". Alberto Varela resumiu que os concellos son os que sosteñen os servizos sociais, os que están preocupados polo cambio climático, por mellorar as contornas ambientais, por impulsar modelos de cidades máis humanas e os que están a realizar un esforzo de concienciación da cidadanía neste ámbito. E reivindicou que "somos parte dun sistema que require reformular métodos e metas e, para iso, é preciso que contemos con máis medios, esteamos coordinados entre institucións e fomentemos sinerxías e alianzas para impulsar as transformacións necesarias".