O ‘Informe Cero’ impulsado pola Deputación e Xoga confirma que a Lingua de Signos Galega “existe” e “é unha realidade lingüística”
A deputada de Lingua María Ortega subliña o compromiso provincial para buscar apoios institucionais para o recoñecemento oficial da SLG
27/07/2022
O ‘Informe cero’ impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia ‘Xoga’ vén de confirmar que a Lingua de Signos Galega (SLG) “existe”, “é unha realidade lingüística” e “non hai que creala”. O análise preliminar subliña que a necesidade agora é “recompoñela, recoller o que queda dela antes de que desaparezan os informantes da mesma, e revitalizala”.
A investigación, coordinada por José María Pazos Abad e con Carlos Manuel Varela Ulla como investigador principal, aclara así de maneira definitiva as dúbidas sobre a existencia real da SLG que, de xeito habitual, utilizan de maneira histórica e a diario persoas xordas e con discapacidade auditiva, así como familias, e persoas integrantes de centros e asociacións en toda Galicia.
A presidenta de Xoga, María Jesús Monterde destacou visiblemente emocionada que a presentación do ‘Informe cero’ “para nós é como parir un fillo ou igual máis”. Destacou que “ata hai nada todo o mundo debatía se existía a SLG canto todo o movemento de persoas e profesionais xa traballamos dende hai tempo con ela. No seu momento fixemos a proposta: queriamos saber realmente se existía ou non. Sabiamos que si, pero non somos lingüistas e profesionais... Queriamos ter unha referencia estrita e fundamentada. Pasou o proceso no que participou moito persoal investigador e de filoloxía, e chegou o día. Temos o ‘Informe cero’”, destacou.
Pola súa banda, a deputada de Lingua María Ortega, impulsora do traballo destacou que dende o inicio de mandato asumiu as competencias de defender o galego dende todos os ámbitos. Subliñou que a cultura, as emocións, as tradicións galegas non só se transmiten vía oral, senón tamén signadas, e subliñou que se ben o galego oral tivo unha traxectoria de moita loita para o seu recoñecemento, as persoas que se comunican en Lingua de Signos Galega sufriron unha grande invisibilización ata agora, sobre todo dende 2007, cando se recoñeceron como oficiais a Lingua de Signos Española e a Catalana, pero se deixou de lado a Galega.
Ortega destacou que, a pesares de ter perdido a oportunidade no seu momento para afondar na LSG, é preciso que agora se poñan as ferramentas para arranxar a situación . “Temos que loitar polos dereitos lingüísticos de parte da poboación, as persoas galego signantes. (...) O informe cero abre un camiño que hai que percorrer e clarear –subliñou- Temos que chegar ao obxectivo do recoñecemento oficial”.
Neste sentido, a nacionalista comprometeuse a que o departamento de Lingua da Deputación traballará “dende xa” para realizar estudos e afondar na realización de estudos seguindo as liñas do ’Informe cero’, así como na recompilación de apoios institucionais para a posta en valor e recoñecemento da LSG.
Conclusións e recomendacións do informe
A presidenta de Xoga María Jesús Monterde explicou as conclusións do ‘Informe cero’. Lembrou que a día de hoxe cando se traduce unha intervención oral en galego pásase á Lingua de Signos Española (LSE) en lugar de á galega –por non ser oficial-, o que xera problemas de comprensión e comunicación tanto na vida diaria como na escolarización da comunidade xorda ou con diversidade sensorial. Neste sentido, o ‘Informe cero’ destaca, de feito, que a potenciación en exclusiva da Lingua de Signos Española ”é xa un fenómeno que produce situacións de asimilación e diglosia que ocasionan de facto a desaparición da Lingua de Signos Galega”.
A análise sinala tamén que sábese como lograr o fortalecemento da LSG desde o punto de vista lingüístico (científico) e subliña que no actual contexto universitario hai importantes investigadoras sobre as linguas de signos, destacando a Universidade de Vigo coa Facultade de Filoloxía e Tradución e dentro dela o Grupo de Investigación Griles, entre outros. “Temos a ciencia e as metodoloxías e tecnoloxías necesarias para afrontar con éxito a revitalización”, di o texto.
Por todo isto, entre outras, o ‘Informe cero’ subliña varias recomendacións para revitalizar a LSG. Apúntase necesario realizar un proxecto gradual, por fases, sendo a primeira puramente científica cun grupo de traballo multidisciplinar e interuniversitario para afrontar entre outras a conformación científica do corpus lingüístico.
En seguintes fases, deberían desenvolverse os aspectos pedagóxicos, socioeducativos, sociofamiliares e formativos para poñer en funcionamento a LSG, sendo necesaria a colaboración e acción política e institucional implicando a cantas máis institucións e organizacións sociais e políticas mellor. “E isto haino que facer sen confundir defender a LSG con ideoloxías específicas. Debe ser a revitalización da LSG un compromiso de cantos máis mellor para non perder este patrimonio cultural galego”, salientou Monterde.