A Deputación renova o seu apoio á Rapa das Bestas de Sabucedo, Festa Internacional que atrae a medios de comunicación de todo o mundo
A institución provincial outorga 8.000 euros á asociación organizadora para celebrar e difundir o acontecemento, que se celebrará do 1 ao 4 de xullo
26/06/2022
A Deputación de Pontevedra apoia un ano máis a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), un acontecemento declarado Festa de Interese Turístico Internacional que atrae a fotoxornalistas de todo o mundo, medios de comunicación audiovisuais e impresos e cineastas pola épica e a gran beleza estética da loita ancestral corpo a corpo cos cabalos para cortarlles as crines. A institución provincial aporta unha axuda de 8.000 euros á Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, entidade organizadora do acontecemento, que este ano terá lugar entre o 1 e o 4 de xullo.
A Deputación potencia co seu apoio á Rapa a difusión deste evento internacional e a proxección de Rías Baixas - Pontevedra Provincia dentro e fóra de Galicia como destino lúdico, cultural e de calidade, ademais de promocionar as comarcas do interior do territorio como atractivo turístico.
A Rapa das Bestas ten un gran interese cultural, histórico, etnográfico e popular. Iniciase coa saída ao monte para agrupar aos animais e baixalos posteriormente á aldea de Sabucedo, unha experiencia na que participan veciñas e veciños e visitantes. Os cabalos son dirixidos despois ao curro, onde os “aloitadores” empregan técnica e forza para inmobilizalos e cortarlles as crines. Os animais son desparasitados para mellorar a súa hixiene e saúde, e devoltos despois ao monte. As imaxes do curro son reproducidas cada ano en medios de comunicación internacionais xeneralistas e especializados, e a tradición atrae o interese das produtoras audiovisuais para rodar proxectos cinematográficos. Durante a Rapa, ademais, celébranse en Sabucedo actividades complementarias cunha ampla oferta cultural, musical e lúdica dirixida a todos os públicos. As entradas para asistir aos curros están xa á venta na web da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.
A Rapa é unha das seis festas de interese turístico internacional das Rías Baixas. Contan tamén con esta declaración a Arribada de Baiona, a Romaría Vikinga de Catoira, a Feira do Cocido de Lalín, o Corpus Christi de Ponteareas coas súas alfombras florais, e a Festa do Albariño de Cambados. A Deputación de Pontevedra colabora na promoción destes eventos de renome que atraen a centos de miles de persoas á provincia de Pontevedra; e proxecta tamén os atractivos turísticos dos territorios nos que se celebran para impulsar as visitas durante todo o ano.