A Deputación respalda un ano máis a Festa da Arribada de Baiona, un dos grandes atractivos turísticos internacionais da provincia
A institución apoia con 8.000 euros o evento, que transformará a vila nun burgo medieval entre os días 3 e 5 de marzo para conmemorar a chegada da Carabela Pinta en 1493
19/02/2023
A Festa da Arribada, que entre os días 3 e 5 de marzo transformará Baiona nunha vila medieval para conmemorar a chegada da Carabela Pinta en 1493 coa nova do Descubrimento de América, volverá a contar un ano máis co apoio da Deputación de Pontevedra. A institución provincial apoiará con 8.000 euros o evento, declarado de interese turístico internacional en 2015 e consolidado como un dos grandes reclamos festivos do territorio.
A Deputación salienta o gran atractivo histórico e cultural que constitúe a Arribada, que celebra este ano a súa vixésimo sétima edición, e resalta a súa importancia como motor turístico do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia. O obxectivo da institución provincial é acadar ano tras ano a maior difusión da festa para dar a coñecer o feito histórico que supuxo a chegada da Pinta baixo o mando do capitán Martín Alonso Pinzón, o que converteu Baiona no primeiro porto de Europa Occidental en ter coñecemento da existencia doutro continente.
A Arribada, que volveu o pasado ano tras o parón obrigado pola pandemia en 2021, é unha cita imprescindible no calendario festivo da provincia e atrae a milleiros de persoas a Baiona procedentes de lugares dentro e fóra das Rías Baixas. Traxes medievais, oficios de artesáns, postos de comida, actuacións en rúas e prazas... a vila trasládase a 1493 durante tres días para celebrar por todo o alto este acontecemento. O evento contribúe ademais á desestacionalización do turismo máis aló da tempada estival cunha oferta de actividades culturais, lúdicas e deportivas durante os tres días que dura a festa. Este é, precisamente, un dos obxectivos da Deputación, que promociona a provincia como destino turístico os 365 días do ano pola súa riqueza paisaxística, patrimonial, cultural, gastronómica e termal.
A Festa da Arribada é unha das sete citas declaradas de interese turístico internacional da provincia. Comparten esta distinción a Feira do Cocido de Lalín, as alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas, a Festa do Albariño de Cambados, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), a Romaría Viquinga de Catoira e a Festa da Lamprea de Arbo, a última en recibir o recoñecemento a principios deste mes de febreiro. A Deputación apoia ano tras ano os sete eventos, ao igual que as festas de interese turístico nacional e todos aqueles acontecementos festivos que contribúen á promoción do territorio.