A Deputación lanza o Plan “APEARSE”, dotado con 4 millóns de euros, para incentivar o transporte público optimizando a seguridade nas paradas

Carmela Silva anuncia que a iniciativa nace da “cogobernanza” polo que os 61 concellos da provincia recibirán unha carta para solicitarlles que propoñan as catro primeiras actuacións

06/09/2022

Carmela Silva e Gregorio Agís  

A Deputación de Pontevedra lanza unha nova iniciativa a prol da seguridade viaria na súa rede de estradas. O plan de Accesibilidade Peonil ao Autobús Segura (APEARSE) vén de ser presentado pola presidenta, Carmela Silva, e o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, como fórmula para incentivar o transporte público a través da transformación das paradas en espazos seguros e plenamente integrados no modelo de mobilidade integral, amable e accesible, que a Administración provincial está a implementar dende 2015.

A Deputación destinará catro millóns de euros ampliables ao APEARSE, a desenvolver en varias fases e anualidades. Carmela Silva anunciou que a partir de mañá enviarase unha carta explicativa aos 61 concellos da provincia onde se informa do nacemento do plan e pedíndolles que indiquen as catro primeiras propostas concretas de actuación nos seus termos municipais. Deberán establecer unha orde de prioridade. As propostas serán posteriormente avaliadas pola equipa técnica do departamento provincial de Infraestruturas. A presidenta comprometeu xa unha primeira partida nos Orzamentos provinciais de 2023. Tódalas actuacións levarán aparellada a substitución da marquesiña por un novo modelo máis funcional ou a súa instalación para o caso de que non exista.

A modernización das paradas de autobús aparece xa no Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030 que a Deputación presentou hai só dúas semanas. Carmela Silva destacou que a Deputación demostra que o seu Plan Estratéxico de estradas "non é un papel, senón unha folla de ruta, pois a mellora da seguridade nas paradas de autobús é unha das 28 liñas estratéxicas recollidas" cos obxectivos de reducir o risco de atropelo a peóns e de colisións con autobuses implicados, pero tamén para mellorar a accesibilidade das paradas. A presidenta definiu o APEARSE como "un proxecto moi ambicioso e pensado para as persoas" e considerou como "fundamental e máis importante que nunca" "incentivar o transporte público nuns tempos en que vivimos unha emerxencia dos carburantes e dos prezos".

Na súa intervención recalcou o carácter "participativo" deste Plan "porque os gobernos locais son quen mellor coñece o territorio". Neste senso recordou o éxito do plan provincial Móvese, para instalación de elementos de redutores de velocidade e calmado de tráfico, que tamén se desenvolveu a partir da cogobernanza local. "A Deputación ten unha análise de espazos onde podemos mellorar a seguridade das paradas, pero esa análise pode e debe ser mellorada coa colaboración municipal; queremos que os concellos sexan copartícipes", remachou. Ademais, Carmela Silva concretou que algúns dos espazos necesarios para mellorar as paradas están ao lado da plataforma da estrada, fóra do dominio público, e pode ser necesario que os concellos poñan os terreos a disposición da Administración provincial.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, explicou que os obxectivos sobre o terreo do APEARSE van moito máis alá da mera substitución de marquesiñas. Así pasan por delimitar adecuadamente os espazos de detención de detención do autobús, pero tamén por acondicionar as zonas peonís de espera a carón da zona de detención dos autocares, así como as conexións peonís coa contorna para que sexan completamente accesibles e estean ben iluminadas. "O obxectivo final é seguir incidindo na seguridade viaria e reducir as incidencias na nosa rede e para iso queremos chegar a tódolos concellos e a tódolos puntos".

Finalmente, Carmela Silva adiantou que mañá mércores asinará coa ministra de Transportes do Goberno de España, Raquel Sánchez, o protocolo para o desenvolvemento da Axenda Urbana de Pontevedra Provincia (AUPO 2027) como proxecto piloto de boas prácticas para orientar aos municipios da provincia e a outras deputacións no marco das directrices da Axenda Urbana Española, a Axenda Urbana da Unión Europea e a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Un documento que apuntará os grandes retos da nosa provincia e as estratexias públicas para afrontalos de aquí ao ano 2027. Un total de 91 Administracións Públicas sumaranse a esta iniciativa, na que a Deputación de Pontevedra, gracias ao traballo realizado e a experiencia acumulada, será a única de Galicia e unha das 7 de toda España. "Somos a grande referencia", afirmou a presidenta, "en todo o que ten que ver coa modernización, a seguridade viaria e a recuperación do espazo público; un modelo claro en infraestruturas vinculadas ás novas demandas".

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.