A Deputación e a Fundación Roberto Rivas revalidan o convenio para a promoción de iniciativas emprendedoras nos viveiros de Barro e Lalín

O novo programa suporá a posta en marcha de actividades para promover o crecemento empresarial, a aceleración dixital e a resposta a retos e solucións innovadoras

27/06/2022

A Deputación de Pontevedra no marco do seu obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico e social na provincia vén de asinar un novo convenio coa Fundación Roberto Rivas para impulsar iniciativas emprendedoras a través de SmartPeme nos viveiros de empresas de Barro e Lalín. Ao abeiro deste convenio, que ascende a 20.000 €, vanse poñer en marcha programas de crecemento empresarial, de aceleración dixital, de retos e solucións innovadoras e un encontro anual de emprendemento. Tamén se creará un comité de impulso e seguimento de iniciativas emprendedoras e desenvolveranse obradoiros formativos sobre imaxe dixital, economía circular e Responsabilidade Social Corporativa, entre outras temáticas.

O paquete de medidas que a Deputación e a Fundación Roberto Rivas impulsarán a través de SmartPeme pretende axudar á dinamización e á promoción de iniciativas emprendedoras nos viveiros de empresas de Lalín e Barro. Deste xeito impulsaranse ao longo do 2022 diversos premios relacionados con programas de emprendemento sostible, dixital e de crecemento empresarial, así como coas mellores iniciativas dos programas de aceleración de turismo e comercio que lidera a Deputación. Tamén se entregarán galardóns para propostas emprendedoras que respondan a retos e solucións innovadoras e  premios ás mellores iniciativas emprendedoras no marco dun encontro anual de emprendemento.

Ademais, a institución provincial e a Fundación van fomentar durante este 2022 unha rede de impulso do emprendemento como espazo colaborativo e punto de encontro. A través desta rede vanse poñer en común, entre outras cuestións, os avances dos diferentes programas de emprendemento co obxectivo de acadar sinerxías entre as e os participantes. Igualmente, van promover obradoiros formativos nos viveiros de Barro e Lalín centrados na imaxe dixital, no crecemento empresarial, na economía dixital e circular, en cuestións sociais, en emprendemento rural e na Responsabilidade Social Corporativa.

Os viveiros de empresas da Deputación, situados en contextos rurais, serán os escenarios deste novo programa de iniciativas para promover actividades emprendedoras que redunden positivamente na vida das persoas e no desenvolvemento sostible dos territorios rurais. Deste xeito, ademais de acoller novas empresas, a través do convenio os viveiros converteranse en espazos formativos, onde se promoverán e divulgarán cuestións relacionadas co emprendemento pero tamén coa sustentabilidade, a retención do talento e a innovación ao servizo do desenvolvemento económico, social e ambiental do rural da provincia.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.