SmartPeme pecha o mes de outubro con seis novas accións formativas

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta esta semana, cursos sobre ciberseguridade, campañas de márketing con influencers, SEO, produtos de financiamento bancario, apps para axenciar citas e programación con Arduino

24/10/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta seis novas formacións impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como antivirus e actualizacións de software, márketing con influencers, optimización de webs, financiamento bancario, organización de citas ou programación.

Este luns 24 de outubro, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, antivirus e actualización do software”. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer dúas das contramedidas básicas que debemos ter en conta: a necesidade de ter o software actualizado para corrixir vulnerabilidades e a utilización e elección dun antivirus, cal e por que.

O martes 25 haberá 2 cursos: “Como facer campañas de márketing con influencers” e “Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web  para gañar visibilidade”. O primeiro destes talleres desenvolverase na quenda de mañá e estará instruído por Laura Carrera, Graduada en Publicidade e Relacións Públicas. O obxectivo desta formación é mostrar a figura do influencer nas redes sociais como elemento clave para incrementar vendas e crecer na comunidade. O segundo obradoiro está dedicado ao SEO e tratará sobre os factores externos que afectan ás páxinas webs e que inflúen no seu posicionamento, ademais de coñecer as mellores prácticas SEO e a forma de medilas con analítica web.

O mércores 26 de outubro na quenda de mañá, a Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Paz Ares, guiará “Produtos de financiamento bancario para a túa idea de negocio”, unha formación sobre os produtos existentes para poder emprender con axuda das entidades financeiras. O taller inclúe unha sesión na que se exporán as distintas opcións de financiamento, así como consellos para entender o seu funcionamento e aprender a saber cal é o produto idóneo en función das necesidades en cada momento. Pola tarde a Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, Fátima Faílde, impartirá unha formación para axudar a organizar mellor o tempo e conseguir máis produtividade, utilizando ferramentas online que axuden a automatizar os procesos de calendarización de citas no curso “Apps para axenciar citas no teu negocio”.

Finalmente o xoves 27 impartirase o taller “Programación con Arduino I. Teórico III”. Este curso forma parte dun itinerario que ten como obxectivo o de iniciarse e adquirir soltura cunha das linguaxes de programación máis populares actualmente como é Arduino, mediante talleres teóricos en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido. Esta formación componse de 4 talleres, 3 deles teóricos online e un cuarto taller práctico presencial de 4 horas. O curso será impartido, de novo, por Manuel Freire.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 25 resultados.