SmartPeme ofrece esta semana seis novas accións formativas
O programa de asesoramento tecnolóxico imparte formacións sobre ciberseguridade, reorientación de negocios, audio márketing, promoción en Booking economía dixital e promoción de negocios con Google
12/02/2023
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta seis novas formacións para esta próxima semana, enmarcados na carteira de obradoiros de Smartpeme. As accións tratarán temas como ciberseguridade en dispositivos móbiles, reorientación de negocios tradicionais e familiares estancados, uso de podcasts, promoción de alugueiros vacacionais, tendencias de economía dixital ou promoción de negocios co perfil de empresa de Google.
Os obradoiros darán comezo este luns 13 pola mañá co curso sobre “Ciberseguridade e dispositivos móbiles”, para ver a importancia de protexer os dispositivos móbiles que xa están a desprazar aos PC na xestión cotiá dos negocios. Este obradoiro será impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.
O martes impartirase unha nova formación guiada pola consultora e coach empresarial, Isabel Rodríguez. Dirixirá “Reorientación de negocios tradicionais e familiares que se atopen estancados” un obradoiro que ensinará a reorientación de negocios e, tendo en conta a demanda do mercado, evitar o peche dos negocios familiares.
O mércores 15 haberá dúas accións formativas; pola mañá a graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera, impartirá o curso “Audio márketing: crea e diferénciate da competencia cos podcast”, que ensinará como o uso dos podcast pode facer que un negocio destaque sobre a competencia. Na quenda de tarde, Sonia Torres, técnica de empresas e actividades turísticas, ofrecerá “Promociona o teu alugueiro vacacional en Booking”, unha formación orientada a persoas emprendedoras, autónomas e a empresas do sector turístico no que se ensinará a crear e optimizar anuncios de aloxamentos e condicións e vantaxes da plataforma Booking.
O xoves 16 de febreiro, rematará a semana lectiva con outras dúas formacións. Na mañá, no punto SmartPeme de Cambados, de novo Manuel Freire impartirá o curso “Tendencias de economía Dixital 2023”. O obxectivo deste obradoiro é o de dar a coñecer as principais tendencias tecnolóxicas para o 2023, cun repaso ás tecnoloxías emerxentes e a evolución de outras xa existentes. Pola tarde, o licenciado en comunicación audiovisual, Adrián Fernández, impartirá o curso “Promociona o teu negocio co perfil de empresa de Google”. A finalidade deste obradoiro é dar a coñecer a ferramenta de Google, enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. O perfil de empresa de Google está pensado para facilitar o aproveitamento, por parte dos pequenos comercios.