A Deputación de Pontevedra, escollida como exemplo de transformación dunha rede provincial de estradas no congreso internacional BNEW de Barcelona

O deputado Gregorio Agís participa nos debates sobre Mobilidade para explicar o “Plan Estratéxico Provincial de Infraestruturas 2030” e a aposta pola seguridade viaria

04/10/2022

 

A transformación que está a experimentar a mobilidade nas estradas provinciais e nas vilas, pobos e cidades da provincia, no marco do modelo de "mobilidade do século XXI" da Deputación de Pontevedra, volveu hoxe ser obxecto de atención nun congreso internacional. Desta volta coa participación do deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, na terceira edición de BNEW, a gran cita internacional sobre a nova economía que se está a celebrar en Barcelona. Uns 600 relatores/as de alto nivel comparten, ata o próximo xoves na cidade condal, a súa visión sobre os retos do futuro inmediato diante dunhas 12.000 persoas de 145 países e coa sostibilidade e a Axenda 2030 como pano de fondo.

Gregorio Agís tomou a palabra esta mañá no debate sobre "Micromobilidade Segura" para explicar o cambio que se está a producir nunha provincia que, en apenas 7 anos, revolucionou o xeito de entender o uso e a función das estradas provinciais. Estivo acompañado de Trinidad Hernández, responsable de Mobilidade do Concello de Málaga, e Jorge Ordás, director xeneral, subdirector xeral de Xestión da Mobilidade e Tecnoloxía da Dirección Xeral de Tráfico (DGT). Actuou como moderador Ramón Ledesma, consultor en Seguridade Viaria e Mobilidade e tamén ex directivo da DGT. O panel abordou tamén o cambio na mobilidade dentro das cidades e o xeito en que novos modelos e dispositivos afectan á planificación de estradas e rúas.

A Deputación de Pontevedra, a única de España en tomar parte neste foro internacional, foi seleccionada como exemplo de transformación nunha complexa rede secundaria de estradas con máis de 1.600 Km para vertebrar as comunicacións nunha provincia cunha elevada densidade de poboación e dispersión. Unha realidade moi distinta á doutras provincias da "España baleirada". O modelo da Deputación, baseado na mobilidade integral e na consideración das persoas que camiñan polas estradas provinciais como usuarias/os preferentes do espazo público, non resultou alleo ao enfoque deste congreso, que explora novas maneiras de avanzar nun marco de rápido cambio social.

O "Plan Estratéxico de Infraestruturas. Vías Provinciais 2030", presentado o pasado mes de agosto, e no que a Deputación planifica con prazos e criterios vinculantes as actuacións a desenvolver nos próximos oito anos a partir da análise de 28 liñas estratéxicas foi obxecto dunha presentación específica, ao tratarse da última referencia en planificación da mobilidade de ámbito provincial. Gregorio Agís destacou que a Deputación de Pontevedra "fixo reset" en 2015 en tódalas políticas relacionadas coa xestión do espazo público. "Pasamos do século XIX ao século XXI. A meirande parte deses máis de 1.600 Km de estradas foron construídos no período decimonónico e durante un século enteiro a Administración provincial afanouse en que os coches puideran correr máis e máis. En moi pouco tempo temos conseguido que as persoas que se desprazan a pé, en cadeira de rodas ou apoiadas nun bastón poidan transitar con seguridade. E tamén con dignidade. Nunha provincia tan dispersa como a nosa esas persoas van da súa casa a un centro de saúde, a un local social, a un pavillón deportivo ou a un colexio, a meirande das veces situados nun ámbito rural ou periurbano. Agora séntense que se respecta o seu dereito, que son protagonistas no uso das estradas provinciais porque saben que o vehículo privado está no último lugar na nosa escala de prioridades".

Máis de 600 obras de seguridade viaria e máis de 130 millóns de investimento

Na súa intervención no BNEW, o deputado subliñou que a Deputación ten realizado dende 2015 ata a actualidade máis de 600 obras que apostan pola seguridade viaria nas estradas provinciais e nas prazas, rúas e camiños municipais. O investimento acumulado supera os 130 millóns de euros, con actuacións que se espallan polas estradas da totalidade dos 61 concellos da provincia e tamén polo viario municipal, a través de grandes plans como DepoRemse ou Ágora. Sen esquecer o impulso á mobilidade sostible a través das convocatorias anuais do Plan Concellos, o programa de calmado de tráfico en estradas (Móvese) ou o novo programa para abordar integralmente a seguridade nas contornas das paradas de autobús (Apearse), que vai moito máis alá dun simple cambio de marquesiñas.

O Congreso BNEW está organizado polo Consorcio da Zona Franca de Barcelona, co apoio do Goberno de España e a Generalitat de Cataluña, ademais de varios patrocinadores privados. O evento analiza os retos da nova economía a partir de sete eixes e baixo un enfoque centrado na Axenda 2030. Deste xeito a economía circular, a descarbonización e a emerxencia climática impregnan tódolos debates ao redor dos eixes da Mobilidade, a Industria dixital, o Investimento, os Bens Raíces, a Sostibilidade, o Talento e a Experiencia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.