A Deputación consolida SmartPeme como a referencia do emprendemento en Galicia

Carmela Silva presenta “os espectaculares datos do Servizo” con máis de 13.000 asesoramentos TIC a preto de 2.000 empresas e o lanzamento de cinco novas carteiras entre as novidades do período 2022-2024

25/05/2022

Smartpeme

O Servizo SmartPeme da Deputación de Pontevedra, de asesoramento TIC ás pemes, persoas emprendedoras e autónomas da provincia, consolídase como a referencia do emprendemento en Galicia e sitúase entre os programas pioneiros do Estado , adiantándose, desde fai sete anos, como sinalou Carmela Silva, “ás grandes transformacións que promoven os Next Generation, porque quen non estea subido ao tren da transformación dixital e as TIC non vai poder continuar”. “Hoxe esta Rede –apuntou- é unha gran familia de emprendemento, intelixencia e talento”. A presidenta presentou as novidades do Servizo para o período 2022-2024 e o balance destes últimos anos nun acto celebrado na Sede da Deputación en Vigo, no que participaron as asesoras e asesores de SmartPeme na provincia, representantes das empresas asesoradas así como a presidenta de Empresarias Galicia, Susana Pérez, o presidente de AJE Pontevedra, Jesús Rey e súa vicepresidenta María Buceta, e Rosa Fernández, xerente de AJE Vigo.

Emprendemento, Igualdade e Transición Ecolóxica serán tres dos novos eixos de traballo, xunto a outras dúas liñas de asesoramento tecnolóxico: Administración Electrónica e Ciberseguridade. Todas elas son liñas “que veñen de escoitar ao tecido empresarial”, como explicou Carmela Silva, de acordo ás directrices de Europa e do Goberno de España “porque por aí van os fondos Next Generation, van ir os fondos estruturais e a Axenda 2030”. No primeiro caso, a nova liña de de Emprendemento, que reforza o labor realizada neste eido ata agora, “será un eixo fundamental para reforzar que as boas ideas poidan converterse en bos negocios con axuda das TIC”, e estará enfocada a sentar as bases dos proxectos das persoas emprendedoras, facilitándolles a información relativa á creación do negocio e a viabilidade económico-financeira, e vinculada ás accións desenvolvidas nos viveiros da Deputación en Lalín e Barro. A de Igualdade ofrecerá asesoramento para a creación dos obrigatorios plans de igualdade, o impulso de accións de igualdade nas pemes, e a potenciar o liderado feminino mediante o desenvolvemento de accións específicas, “porque a maioría das persoas emprendedoras en Galicia e España teñen nome de muller e queremos potencialo”. “Non é so unha cuestión de dereitos, senón que está demostrado que cando se promove a igualdade na empresa, hai máis beneficios e sube o PIB”, sinalou Carmela Silva. A carteira de Transición ecolóxica centrarase no asesoramento e accións de capacitación específicas sobre cuestións clave como a economía circular, a sustentabilidade ou os ODS. “Hoxe unha empresa que incorpore o respecto ao medio ambiente ten máis posibilidades de éxito e imos favorecelo”.

Amais, créanse tamén as carteiras específicas de Administración electrónica, para que persoas autónomas e pemes poidan adaptarse aos servizos dixitais das Administracións, “e axudar a xente a coñecer o longo procedemento administrativo e a formarse nestas cuestións”, e a de Ciberseguridade, dirixida a que as firmas “poidan defendese dos ciberataques e  ciberdelincuentes, que son  hoxe un problema para grandes e pequenas empresas” con formación en prevención e capacitación.

Balance desde 2016

Desde a súa posta en marcha, SmartPeme ofreceu máis de 13.000 asesoramentos a máis de 1.800 empresas da provincia e case 2.000 talleres formativos con 20.000 persoas asistentes. Datos que avalan, como destacou Carmela Silva, o traballo desenvolvido polas persoas que forman parte do servizo e tamén a aposta que fixeron as persoas e empresas participantes, “porque no 2016 xa sabiamos que a introdución das TIC nas pemes e nos proxectos das persoas autónomas era fundamental, e algo do presente, non do futuro”. Destacou que SmartPeme “foi un proxecto que logrou o que quería lograr: estar ao lado do emprendemento, persoas autónomas e pemes que son o 90% da economía do país”, e subliñou a estratexia seguida desde a súa posta en marcha, que implicou o asesoramento sobre as ferramentas tecnolóxicas para mellorar a eficiencia e produtividade, a identificación dos puntos claves para os negocios, a imaxe dixital e a aposta por situar “a innovación no centro e por afondar na internacionalización” destas empresas. Puxo tamén o acento no labor desenvolvida a través do servizo TurisTIC  para empresas turísticas, “tendo en conta que somos o destino máis potente segundo os datos do INE e temos que seguir sendo a grande referencia”, e desde a liña dedicada ao comercio, así como desde Centro Provincial de Economía Dixital (CPED) no Viveiro de Barro, e o traballo realizado coas firmas do Terceiro Sector e a formación do persoal dos Concellos.

Eventos e premios

Ademais dos citados novos servizos, realizaranse unha serie de eventos e actividades. Deste xeito, o 1 de xuño arrancará o I Programa de emprendemento no Viveiro de Barro, que ata o 31 de xullo ofrecerá formacións dinámicas e innovadoras e asesoramentos personalizados e no que participarán 12 proxectos, 8 liderados por mulleres e 4 por homes, para impulsar que a súa idea de negocio se converta en proxecto real e sostible a longo prazo. Son 4 iniciativas de Vigo, 3 de Pontevedra, 1 de Vilagarcía, 1 de Marín, 1 da Guarda, 1 de Barro e 1 de Tui. Así mesmo, no viveiro de Lalín, organizarase outro programa despois do verán, neste caso para impulsar negocios xa consolidados. Estas dúas iniciativas complementaranse coas Aceleradoras de Turismo e Comercio, que desde 2018 teñen impulsado máis de 40 proxectos. No caso da de Turismo, presentarase o 27 de setembro coa presenza do secretario de Estado, Fernando Valdés.

Outra novidade serán os premios económicos que axuden a impulsar os proxectos máis sostibles, dixitais, rural ou  innovadores. Deste xeito, celebrarase un novo Evento de desenvolvemento de solucións innovadoras e crearase un Premio anual de Emprendemento, “para poñer en valor as ideas da xente e amosar casos gañadores”. Amais, nesta nova etapa SmartPeme seguirá organizando actividades ligadas ás carteiras, entre elas o  13 de xuño un almorzo  networking coa participación de  Yaiza Canosa, fundadora e  CEO de GOI, operador loxístico enfocado no transporte  e montaxe e instalación de mercadorías, “unha grande referencia a nivel nacional”. Tamén se organizarán unhas xornadas de demostración de solucións tecnolóxicas para o sector turístico e o comercio retallista, amais da Xornada TurisTIC, que será xa a quinta edición dun evento de gran relevancia para o sector turístico.

Ademais, SmartPeme seguirá sendo o “altofalante das distintas iniciativas de dixitalización que desde outras administracións” axuden ao tecido empresarial da provincia. Deste xeito, o servizo xa estivo informando do Kit Dixital de Red.es, do que segue aberta a convocatoria ata o 15 de setembro para as empresas de entre 10 e 49 traballadores/as. A presidenta destacou que segundo os datos publicados a pasada semana, 3.000 empresas de las 6.500 que hai en Galicia deste segmento,  xa solicitaron o Kit para poder dixitalizar os seus negocios.

Galerias de imagenes

videos