A Deputación de Pontevedra impulsa un programa de crecemento empresarial en Lalín

A institución provincial escollerá ata oito proxectos empresariais en fase inicial e de consolidación, que recibirán dous meses de formación no viveiro de empresas

21/11/2023

O Goberno de Luis López acaba de abrir o prazo para participar, no marco do proxecto “SmartPeme”, no Programa de crecemento empresarial que se desenvolverá no viveiro de empresas da institución provincial en Lalín, situado no Polígono Industrial Lalín 2000. O programa, que comezará os primeiros días de decembro, permitirá impulsar ata un máximo de oito proxectos empresariais que comezaron a súa actividade recentemente ou que buscan consolidarse no mercado no que operan. As empresas interesadas en participar poden presentar a súa candidatura ata o 30 de novembro na web de “SmartPeme”.

O Programa de crecemento empresarial no viveiro de Lalín de “SmartPeme” está destinado a persoas que acaban de iniciar a actividade do seu proxecto e que buscan impulsalo, ou a aqueles proxectos empresariais en fase de consolidación, de reorientación ou de lanzamento de novas liñas de negocio. Deben ter domicilio social na provincia de Pontevedra ou, de non estaren constituídas, ou ter como responsables persoas residentes neste territorio. As e os interesados deberán cubrir o formulario na web de “SmartPeme” e achegar unha memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que se detalle o obxectivo do proxecto; a súa misión, visión e valores; a actividade que se vai realizar; a descrición do produto ou servizo e tamén o que pretenden alcanzar coa súa participación no Programa de crecemento empresarial. A documentación será avaliada por un equipo técnico de “SmartPeme”, que seleccionará ata un máximo de oito proxectos.

Os proxectos seleccionados pola Deputación beneficiaranse dun completo programa formativo no viveiro de Lalín, que terá lugar entre o 5 de decembro de 2023 e o 15 de febreiro de 2024. Durante este período recibirán sesións de formación grupais de carácter dinámico e innovador para potencialos ao máximo e favorecer a colaboración e a creación de sinerxías co resto de participantes. O programa tamén incluirá sesións de asesoramento personalizado e individualizado para afondar en temas vinculados á competitividade, ao emprendemento, á identidade corporativa ou ás novas tecnoloxías. En concreto, aprenderán sobre modelos de negocio, plan de empresa e plan de márketing dixital, redes sociais, márketing de contidos, finanzas e fiscalidade para emprendedores ou a metodoloxía Lego Serious Play, entre outras.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.