A Deputación colaborará coa celebración do encontro da selección española de fútbol feminino contra Italia que terá lugar o 1 de decembro en Pasarón

Luis López: “Queremos apoiar economicamente esta cita importante para Pontevedra, para o noso deporte e para a igualdade”

20/10/2023

Xunta de goberno

A Deputación de Pontevedra colaborará coa celebración do encontro da selección española de fútbol feminino contra Italia que terá lugar o 1 de decembro en Pasarón. O presidente Luis López adiantou que a institución provincial abordará “unha modificación de crédito para apoiar economicamente unha cita importante para Pontevedra, para o noso deporte e para a igualdade”. Trátase – tal e como informou López- dunha contía de máximos de 205.000 euros que variará en función do número final de Administracións que se impliquen no evento.

O presidente detallou que esta mesma mañá o goberno provincial abordará a modificación de crédito para apoiar economicamente esta cita deportiva que converte a Pontevedra en “escenario dunha competición deportiva internacional, neste caso a Copa das Nacións da UEFA, como antes foi o Tríatlon”. Tamén destacou Luis López que o partido da selección española feminina de fútbol contra a italiana é importante para o deporte, “un dos eixos prioritarios deste mandato” , e para a igualdade, “porque o deporte feminino é un espello no que se miran moitas nenas hoxe en día ás que lles temos que ofrecer unha sociedade sen fendas de xénero”.

O presidente subliñou que “é un auténtico orgullo volver a ter con nós a unha campioa como Tere Abilleira xunto coas súas compañeiras, as triunfadoras do Mundial de Australia e Nova Zelanda deste ano”. “Estou convencido –remarcou Luis López- que terán o cariño e o apoio da afección, tal e como merecen, e que a cidade e a provincia volverán vivir unha cita deportiva con repercusión nacional e internacional. O 1 de decembro será un día para lembrar”.